fbpx
Ribeira Sacra Paisaxe de Galicia / galiciaunica.es
Paisaxe do Miño na Ribeira Sacra / galiciaunica.es

Galicia contará co primeiro Consello Asesor da Paisaxe

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia botará a andar en breve o primeiro Consello Asesor da Paisaxe de Galicia. Este órgano tentará abordar todas as cuestións relacionadas coa paisaxe no país. Actualmente, só as autonomías de Cataluña, Andalucía e Canarias contan cun órgano semellante.

O Consello da Xunta deste xoves aprobou o inicio da tramitación do decreto polo que se creará esta entidade, que será un órgano colexiado para a promoción e o desenvolvemento de políticas comúns, coordinadas e programadas que poidan ter un impacto en materia da paisaxe na Comunidade Autónoma.

O Consello Asesor da Paisaxe de Galicia será o encargado de presentar propostas de estudo, de actuacións e de melloras en materia de paisaxe en Galicia para levar á respectiva Administración pública ou órgano administrativo competente; servir de foro para a posta en común das últimas iniciativas sectoriais e de investigación de ámbito estatal, europeo e internacional en materia de paisaxe; así como realizar informes, traballos técnicos ou calquera outra actuación en materia de paisaxe de Galicia que lle requira a Presidencia.

Na súa composición estarán representados a Administración autonómica, a local, as asociacións que teñan entre os seus fins a protección e mellora da paisaxe, as universidades galegas e os especialistas en paisaxe, coa finalidade de que amplos sectores da sociedade se atopen representados na defensa da paisaxe galega.

Órgano consultivo

Tamén exercerá de órgano asesor e consultivo da Administración pública que o requira, para analizar, con carácter previo á súa aplicación, a adecuación de calquera política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe de Galicia; así como prestar o apoio requirido na programación das políticas comúns en materia de paisaxe en Galicia e analizar propostas concretas de actuación e regulación normativa que se lle eleven para o seu informe.

“Este organismo dará resposta á necesidade de construír unha sociedade en relación harmónica co medio, onde prime o uso racional do territorio, o aproveitamento sustentable dos seus recursos, un desenvolvemento urbanístico respectuoso e o recoñecemento das funcións principais que xogan os ecosistemas naturais”, apunta a Xunta.

O Goberno galego xustifica a súa creación polo incremento de funcións do Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe, en especial, a de colaboración e coordinación nesta materia con outras administracións e sectores da sociedade, así como a recente aprobación dos Catálogo das paisaxes de Galicia.

Pode que che interese...