Castelo de Monterrei / paradores.es

Inés de Velasco Tovar, a muller que quixo fundar unha universidade no Ourense do século XVI

Hai 61 anos, o noso insigne etnógrafo e arqueólogo, don Xesús Taboada Chivite, editou un pequeno pero fermoso libro que intitulou Varones ilustres de Verín. Nel, como o seu propio nome indica, fai unha relación de homes ilustres, que na súa maioría foron curas ou frades, agás dous ou tres condes egrexios e as grandes figuras dos últimos 150 anos, como García Barbón ou Luís Espada. Non os vou agora relacionar aquí outra vez, pero si direi que, lendo detidamente, poderase observar que a maioría deles, salvo García Barbón, fixéronse ilustres tendo que saír da vila, da comarca. Ou máis ben fixéronse ilustres porque saíron, dito dunha maneira máis maliciosa. En fin, todos homes.

Pero, curiosamente, na miña opinión, o personaxe máis ilustre, interesante e magnífico da nosa historia (por resumir, a historia da comarca, ou condado de Monterrei) foi unha muller e, insisto, na miña opinión, moi por riba de todos eses varóns ilustres que cita Taboada Chivite. Sobre todo, baseo a miña apreciación en que, a diferenza de todos eles, esta muller fíxose ilustre quedando aquí, no condado, e favorecendo a prosperidade e a orde deste (non hai dúbida nisto), estendendo a súa enorme sombra ata as crises que viñeron despois, coa unificación de España e Portugal, e a posterior guerra de independencia portuguesa. Digamos que Inés de Velasco representou o punto de progreso e prosperidade máis alto do condado ata os nosos días.

Unha antiga postal do castelo de Monterrei

Outras mulleres gobernantes

Como máis curiosidade, hai que facer notar que na historia da nosa comarca, hai máis ca unha referencia ao goberno de mulleres, ou mulleres á fronte do noso goberno. Por citar algunhas, está a Condesa de Trudilde, irmá do famoso bispo de Iria Flavia, don Paio Rodríguez, que aparece como máxima autoridade ao redor do século IX; a filla do primeiro conde de Monterrei (lembremos que o nome é unha concesión do rei “a mi puebla de Monte de Rei”), doña Francisca de Zúñiga Ulloa, quen emparentou coa familia compostelá dos Fonseca, aínda que o conde, moi renacentista el, dedicouse a facer a guerra alí onde o chamaban, co que ela foi quen ostentou realmente o título de 2ª condesa de Monterrei; e a nosa ilustre dama citada, dona Inés de Velasco y Tovar.

Dona Inés chegou ao condado de Monterrei despois de morrer o seu marido, Jerónimo de Acevedo, ilustre apelido galego. Este era o cuarto conde de Monterrei, aínda que a maior parte dese goberno estivo en Salamanca, no fermoso pazo de Monterrei, que aínda perdura. Ao morrer o marido, Inés colleu a súa vida e trasladouna por completo a Monterrei, a onde levou tamén os seus tres fillos: Melchor, Gaspar e Baltasar. Pode ser graciosa a coincidencia dos nomes e os reis magos, pero habería que miralo con perspectiva histórica e pensar na relixiosidade daqueles tempos para comprender. Por certo, que sen entrar a valorar a vida deses fillos seus, podo dicir que foron os tres personaxes máis importantes da historia do condado e probablemente da historia da nosa comarca. Gaspar foi, consecutivamente, o virrei de Nova España (México) e Perú, aparte de ser o 5º conde de Monterrei. Como curiosidade, dicir que foi o único virrei que ficou pobre despois dos virreinatos, e cando morreu, como virrei de Perú, o cabido de Medellín tivo que pagarlle o funeral, non sen honores debidos. Baltasar foi conde sucesor de Gaspar, aínda que nunca se intitulou, e gardou o seu goberno para o seu sobriño, Manuel de Fonseca y Zúñiga.

Chegou Inés de Velasco a Monterrei en 1572 “para governar más comodamente a sus vasallos y hazerse presente a sus necesidades, para socorrerlos en ellas; y porque también gozasen sus hijos del fruto común, crianza y enseñanza deste collegio (jesuitas) de que gozaban los hijos de sus vasallos”. Lembro que o colexio de xesuítas foi dos primeiros da súa clase en toda España, e que prestixio tivo dabondo, non só de ensinanza, senón de promover actos teatrais en practicamente todas as festas, o que dá para un tema moi amplo e pouco estudado. Pero ata nisto se pode ver a man agarimosa de dona Inés cara aos seus gobernados. É un detalle que o Papa Sisto V a cualificase como Santa Condesa. Non puido ter a fidalguía, posto que era muller, pero femia tan excepcional, virtuosa e prudente non ía pasar desapercibida nun mundo, que coma hoxe, estaba cheo de homes mediocres. O propio collegio de xesuítas fíxolle o honor de recibila cunha representación da vida de Judith. Queda claro entón que a relación de dona Inés co colexio foi excepcional e moi produtiva, posto que ela mesma lle regalou ao colexio as rendas da freguesía de Medeiros (unha das parroquias máis ricas e extensas do condado) para o sustento dalgunhas cátedras.

Universidade en Monterrei?

Tal foi o amor que dona Inés dedicou ao colexio que inmediatamente se propuxo convertelo en universidade. Unha universidade. Que soño tan fermoso! Suxírolle ao lector ou lectora que se imaxine o que cambiaría a historia da nosa comarca se aquí, no castelo, houbese hoxe, aínda que fose unha modesta universidade… Non só a historia da comarca variaría, senón de toda a provincia de Ourense, quen sabe? Quizais Verín sería hoxe capital de provincia… Pero non imaxinemos, a grande señora de Monterrei intentouno de veras. Tratou dese tema co provincial Padre Gil González, e fixo chamar a Monterrei ao reitor do Colexio Maior de Salamanca. Un tal licenciado Cisneros, que se entrevistou con San Francisco de Borja (pai fundador dos xesuítas) para que este conseguise as Bulas e privilexios (rendas que se lle conceden a unha fundación como sería unha universidade). Pero o nobre proxecto fracasou por razóns económicas. O antecesor de don Xerónimo, marido de dona Inés, foi o nomeado Alonso de Fonseca, que deixara unhas rendas e un capital en Roma para uso do condado, pero cando o tal licendiado Cisneros quixo botar man xa había tempo que se repartiran noutras provisións alleas ao condado.

Postal antiga cunha rúa típica de Monterrei

Si, fracasou neste loable intento, pero o máis interesante é que nunca se rendeu. Tutelou a creación dun centro de educación primaria (a escola para pobres), nas mans dos xesuítas, e alcanzou tal prestixio que antes de que rematase o século XVI xa tiña mil douscentos alumnos de todas as partes de Galicia.. En 1576 doou cen ducados máis para construír unha aula meirande ca anterior para comodidade dos estudantes. E pódese dicir que ata a súa morte, o colexio foi prendido das saias desta grande señora, coidado e privilexiado.

Novidosas ordenanzas

Dona Inés, vendo as vexacións do que eran vítimas os poboadores dos Estados de Monterrei e o pouco humanitario trato que recibían por parte dos que estaban na obriga de protexelos, determinouse amparalos ela mesma, cousa que ninguén fixera. E para isto compuxo, ditou e promulgou unhas ordenanzas, que con xustiza, pódense cualificar de modernas, amplas e moi moderadas. Van dirixidas especialmente contra os xuíces, escribáns e demais xente de poder, e nelas hai regras que prevén case todo o que atinxía a unha poboación coma a do condado.

Parte dos seus artigos son os seguintes:

-Artigo 5º manda que os xuíces sinalen para as audiencias horas convenientes e a distancias equivalentes dos litigantes, para diminuír as molestias destes. Para evitar que abandonen as súas casas e teñan que quedar a durmir fóra e se dediquen a xogar nas tabernas.

-Artigo 15º disponse que sexan expulsados das vilas os escandalosos e xente de mal vivir.

-Artigo 18º disponse que se visiten e se comproben os pesos e medidas de catro en catro meses.

-Artigo 19º Prohíbese aos xuíces que vaian xogar ás tabernas.

-Artigo 28º mándase que nos cárceres se habiliten lugares onde estean separados homes e mulleres.

-Artigo 47º trata sobre as feiras e mercados. Institúese ou confírmase a feira de Verín do día 3 de cada mes.

-Artigo 48º manda construír mesóns para atender os camiñantes e peregrinos.

-Artigo 51º ordénase a recomposición das pontes para que se poida pasar por elas sen perigo, e que as fontes se fagan de arco para que nelas non poida beber o gando.

-Artigo 52º mándase o arranxo dos camiños a conta dos veciños que viven neles e que se aproveitan do seu trazado. As obras consisten en quendas semanais prestados polos veciños ata construír o camiño.

-Artigo 61º marcarase un arancel para os mesoneiros, vendeiros e taberneiros.

-Artigo 63º mándase que os mesoneiros terán camas limpas.

-Artigo 64º obrígase aos mesoneiros que teñan as cabalerías enxoitas e os pesebres altos para que non poidan andar por eles pitas e porcos.

-Artigo 65º dispón que os mantementos (o que serve o mesoneiro, o vendeiro ou o taberneiro) se vendan por peso e medida, e non a ollo.

-Artigo 69º ordena que os mesoneiros e taberneiros non den pousada nin mantemento na súa casa a ladróns, vagamundos nin malas mulleres, nin teñan táboas de xogos.

-Artigo 74º Mándase plantar montes, viñas e carballos, prohibindo que se arrinquen despois.

-Artigo 75º refírese ás regas, o 77º ás vendimas, o 84º á sega, o 85º manda que non sexan acollidos os segadores que veñan de Portugal nin doutras partes, para non sacarlle o traballo aos da terra.

No artigo 86º rematan as constitucións dos Estados de Monterrei, a 24 de Nadal de 1572. Días despois engadíuselle outro artigo máis, o 87º, polo que se ordena que se saneen as rúas das vilas e das aldeas, evitando a lama e a auga para que non se convertan en lugares enfermos e de mal cheiro (6 de xaneiro de 1573). Todo este texto queda firmado sinxelamente como “La Condesa”.

Como dixo César Vaamonde Lores, en A Nosa Terra, en 1922: “Tal é o principal contido deste precioso código, tan completo, que todo se trata n-el: justiça, orden, moralidade, beneficencia, servizos públicos, higiene, agricultura, repoboación forestal, etc… Dudamos que nas ordenanzas municipais de moitas cidades modernas se estudien estes asuntos tan minuciosamente. Justo nos parece, pois, rendir aquí tributo de admirazón á gloriosa da Dona Inés de Velasco y Tovar”.

Dona Inés sobreviviu ao seu fillo máis famoso, Gaspar de Zúñiga, e levou o goberno do condado co seu fillo Baltasar, ata que que se proclamou conde o fillo de Gaspar, Manuel de Fonseca. Este, que, como todos os netos, debía ser o olliño dereito da avoa, era un pouco bala perdida da familia, e estivo preso por uns incidentes na vila e corte de Madrid. Este incidente, segundo conta Taboada Chivite, fíxoa adoecer gravemente, e faleceu aos sete días. Unha hora antes de morrer chamou ao seu fillo don Baltasar e díxolle: “Don Balthasar, yo os encargo que seais tan buen tío de vuestros sobrinos como habeis sido hijo mio”, e penso que non caben palabras de maior honra para un fillo que unha nai se sinta orgullosa del. E con isto finou a gloriosa dama. Coñecida en toda España, e especialmente en Salamanca, foi soterrada alí con moita solemnidade e asistencia de toda a nobreza daquela cidade “que conocía y estimaba sus virtudes”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Escrito por

Antropólogo e etnógrafo da comarca do Támega, afeccionado á arqueoloxía

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: