Escavación no Campo de Castro de Cedeira / Concello de Cedeira

Investigan o pasado castrexo e romano de Cedeira

A localización dalgúns restos de cerámica en dúas das catro catas previstas confirman a transición da cultura castrexa á romana no asentamento do Campo de Castro de Cedeira. Así o reflicten os resultados dos traballos de arqueoloxía desenvolvidos polo Concello de Cedeira na zona, nos que tamén se acharon dúas murallas defensivas e un foso.

Pequenos fragmentos de utensilios de uso doméstico -xerros e outros recipientes- son a certificación da existencia dunha poboación castrexa asentada neste espazo costeiro da península do Sarridal, mentres que o descubrimento de “terra sigillata” (terra selada, característica das escavacións romanas) e a posterior localización dun único fragmento de cerámica romana veñen a confirmar que, ao igual do que sucede na maioría dos castros, neste de Cedeira tamén houbo un cambio de era coa colonización do lugar por parte do imperio romano.

Este descubrimento, segundo o arqueólogo e director do proxecto, Emilio Ramil, “é moi relevante”, xa que deste se desprende que “esta nova civilización trouxo, ademais da súa cultura, as súas actividades económicas, incluída a comercial”, segundo recolle a web do Concello de Cedeira.

Ademais do descubrimento das dúas murallas defensivas e do foso que arrodea o castro, apareceron unhas construcións que aparentemente se atopan en boas condicións e que deben seguir achegando, segundo Ramil, “moita máis información da que tiñamos inicialmente”. Trátase de murallas feitas en pedra, as mesmas que no seu día serviron para manter a salvo de posibles invasións a poboación castrexa asentada neste punto do territorio cedeirés.

Equipo

Un equipo de cinco persoas -un arqueólogo, tres auxiliares arqueólogos e un debuxante/topógrafo– traballaron nesta primeira toma de contacto cun terreo que o goberno municipal pretende poñer en valor para posteriormente incorporar ao conxunto patrimonial que se quere crear na contorna do castelo da Concepción.

Os restos de cerámica foron localizados na cata realizada no acceso de baixada á praia Sonreiras, unha zona moi afectada pola intervención realizada hai 15 anos pola Demarcación de Costas para mellorar os accesos ao areal.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: