fbpx
Gaspar Zúñiga Acevedo y Velasco, V Conde de Monterrei e virrei de Nova España / wikipedia

Melchor, Gaspar e Baltasar, os reis sen coroa de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Melchor, Gaspar e Baltasar. Non foron reis, pero case. A pesar de que pode resultar curioso, e ata gracioso, esta coincidencia, o certo é que Melchor, Gaspar e Baltasar foron tres irmáns que chegaron a ser os donos e señores de medio Ourense, desde o seu Monterrei natal, e “Grandes de España”.

Baixo os apelidos Zúñiga Acevedo e Velasco, estes tres nobres galegos, fillos de Inés de Velasco, da que xa se falou en Historia de Galicia, e Jerónimo de Zúñiga Acevedo y Fonseca, IV conde de Monterrey, chegaron a ser homes moi importantes na corte dos Austria.

Tal e como xa adiantou o investigador Bruno Rúa sobre a vida de Inés de Velasco, Melchor, Gaspar e Baltasar foron as tres personaxes máis importantes da historia do condado de Monterrei, de Ourense, e mesmo de Galicia. Quizais, o máis importante deles foi Gaspar, nado en 1560 e morto en Lima o 10 de febreiro de 1606. Como primoxénito foi o V conde de Monterrei, señor de Biedma, Ulloa e da casa da Ribeira, pertiguero maior de Santiago de Compostela, vicerrei, gobernador e capitán xeral do reino da Nueva España (México), presidente da Real Audiencia de México, logo vicerrei, gobernador e capitán xeral do reino do Perú e presidente da Real Audiencia da Cidade dos Reyes (Lima).

Castelo de Monterrei / paradores.es

Galegos contra portugueses

Gaspar estudou en Monterrei no colexio das xesuítas fundado polo seu avó Alonso de Zúñiga e Acevedo Fonseca, III conde de Monterrei. Á idade de dezaoito anos, decidiu en 1578 dar axuda ao rei Felipe II, coas súas tropas galegas pagas ao seu custo, en accións militares na fronteira de Portugal, reducindo á obediencia do rei Felipe II dezaoito vilas.

Tamén co seu exército e o do seu primo Francisco de Zúñiga e Sotomaior, IV duque de Béjar e Plasencia, e os exércitos reais ao mando de Fernando Álvarez de Toledo, III duque de Alba de Tormes, participaron na revista á entrada en Portugal, que fixo o rei Felipe II, en Cantillana preto de Badaxoz, o día 15 de xuño de 1580, cando o Reino de Portugal pasou a depender da monarquía española. Unha anexión que duraría até 1668.

Outra das fazañas importantes de Gaspar foi a defensa que fixo, coas súas tropas galegas, do porto da Coruña cando foi atacado polo corsario inglés Francis Drake en 1589. Casou con Inés de Velasco e Aragón, filla de Iñigo Fernández de Velasco, IV duque de Frías, IX Condestable de Castilla, VI conde de Haro, II marqués de Berlanga, e de Ana de Aragón, filla de Juan Alonso de Guzmán, VI duque de Medina Sidonia, e de Ana de Aragón, neta do rei Fernando el Católico.

Pero o feito máis importante para este nobre galego foi o seu nomeamento como vicerrei de Nova España (México) e Perú, cargo no que estivo de 1595 ata 1603. Foi o único vicerrei que ficou pobre despois dos vicerreinatos, e cando morreu, como vicerrei de Perú, o cabido de Medellín tivo que pagarlle o funeral, non sen honores debidos. Baltasar, o seu terceiro irmán, foi conde sucesor de Gaspar, aínda que nunca se intitulou, e gardou o seu goberno para o seu sobriño, Manuel de Fonseca y Zúñiga, fillo de Baltasar.

Baltasar Zúñiga de Acevedo y Velasco, un dos “Grandes” de España e conde de Monterrei / wikipedia

Baltasar e Mechor Zuñiga de Acevedo y Velasco

Os seus irmáns tampouco foron menos que el. Baltasar  foi comendador maior de León na Orde de Santiago, embaixador en Bruxelas, París e Praga, conselleiro de Estado do rei Felipe III, mestre do príncipe, o futuro rei Felipe IV, e o seu primeiro ministro e presidente do Consello de Italia. Pola súa contra,

Melchor de Acevedo, o outro dos irmáns adicouse a vida eclesiástica, onde chegou a ter tamén unha grande influencia.

Dona Inés, a matriarca

Dona Inés, a nai dos tres, sobreviviu ao seu fillo máis famoso, Gaspar, e levou o goberno do condado de Monterrei co seu fillo Baltasar, ata que que se proclamou conde o fillo de Gaspar, Manuel de Fonseca. Este, que, como todos os netos, debía ser o olliño dereito da avoa, era o rebelde da familia. Mesmo estivo preso por uns incidentes na vila e corte de Madrid.

Este incidente, segundo conta Taboada Chivite, fíxoa adoecer a súa avoa gravemente, o que provocou a súa morte aos sete días. Unha hora antes de morrer chamou ao seu fillo don Baltasar e díxolle: “Don Balthasar, yo os encargo que seais tan buen tío de buestros sobrinos como habeis sido hijo mio”, e penso que non caben palabras de maior honra para un fillo que unha nai se sinta orgullosa del.

Pode que che interese...