fbpx
Unha das visitas que o Colectivo A Rula realizou aos petróglifos de Villestro (Compostela) / A Rula

O PPdeG rexeita que a arte rupestre sexa patrimonio da humanidade

Tempo de lectura: 3 min.

A enorme riqueza da arte rupestre de Galicia terá que agardar para unha protección e un recoñecemento internacional. O PPdeG votou en contra este mércores no Pleno do Parlamento dunha iniciativa de En Marea –apoiada polo resto da oposición– na que se demandaba que a Xunta inicie os trámites para conseguir que a arte rupestre galega sexa declarada patrimonio da humanidade.

A iniciativa naceu dunha reclamación da asociación SOS Arte Rupestre que iniciou unha campaña para defender estes bens dado que Galicia conta cun dos conxuntos de petróglifos ao aire libre máis importantes de Europa, pero están en risco “non só de deterioración, senón de desaparición”. Precisamente, na súa toma da palabra na Cámara, Luca Chao (En Marea) denunciou o “abandono” da arte rupestre en Galicia por parte da Xunta, con petróglifos e dólmenes “desprotexidos e sen salvagarda ningunha” ante traballos agrícolas e incendios forestais.

Unha das estacións de petróglifos de Campo Lameiro / PAAR

Apoio de BNG e PSdeG

Á iniciativa de En Marea presentaron senllas emendas o BNG e o PSdeG, que foron incorporadas á proposición orixinal, coa negativa dos populares. No caso do Bloque pedíase á Xunta inventariar pezas de arte rupestre e elaborar un plan de conservación con “orzamento suficiente”. Sobre este extremo, Olalla Rodil (BNG) criticou que non haxa un catálogo oficial das pezas rupestres existentes en Galicia, polo que esixe á Administración galega que “asuma a responsabilidade”.

A modo de exemplo, Rodil censurou que “houbo que esperar oito anos” a que se iniciase o trámite de declaración de BIC de Cova Eirós, despois de que “Adega presentase unha demanda xudicial”. Pola súa banda, o PSdeG presentou unha emenda para que se inclúa un horizonte temporal para iniciar os trámites da declaración de Patrimonio da Humanidade, debido á  “desconfianza” ante os traballos da Consellería, e Concepción Burgo puxo o exemplo da Ribeira Sacra, tras “dous anos e todo por facer”. A continuación, Burgo subliñou que os petróglifos son un elemento patrimonial que “necesita dunha protección moi especial”, e aínda que sexan “difícil de conservar” ao estar ao aire libre, “máis difícil son de conservar se non se fai nada”.

    Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

O PP di que “non hai perigo” para a arte rupestre

Enfronte, María Antón defendeu a negativa dos populares a esta iniciativa, pois “nestes momentos non se dan as condicións” para impulsar esta petición. Censurou que a proposición de En Marea busca “comezar a casa polo tellado” e deslizou unha acusación de “plaxio” no escrito.

Nesta liña, a popular asegurou que “non é certo” que estea en perigo no seu conxunto a arte rupestre galega, aínda que recoñece que existen casos nos que está “ameazado por diversas causas” como poden ser incendios ou plantacións forestais.

Ademais, negou que non exista un inventario de petróglifos, pois hai “máis de 2.600 fichas” de pezas, “que seguen crecendo día a día”. Tamén sostivo que a arte rupestre conta “co máximo grao de protección”, “xenericamente declarado BIC”, e “non é certo” que vaia a ter máis protección por ser declarada patrimonio da humanidade.

Con todo, María Antón asegura que o PP “non se pecha” a iniciar os trámites nun futuro para a petición de declaración de patrimonio da humanidade, pero antes cre necesario establecer unha estratexia “realista” e non descarta unha candidatura conxunta con Asturias e o norte de Portugal.

Pode que che interese...