fbpx
Detalle do conxunto rupestre do Pornedo / Monte Pituco

O TSXG impide a construción dun polígono industrial que afectaría petróglifos e mámoas do Monte Pituco

Tempo de lectura: 3 min.

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de estimar favorablemente o recurso contencioso-administrativo interposto pola Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo) contra a aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que delimitaba unha área para a construción do Parque empresarial Marín-Pornedo.

O fallo determina que a Xunta debe excluílo ao considerar que a viabilidade ambiental da infraestrutura proxectada non está xustificada, tendo en conta a “decisiva influencia” das características orográficas da zona e a súa afección dende o punto de vista físico, natural e paisaxístico. Deste xeito, as estacións rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, xunto coa mámoa de Sete Camiños non se verán afectados por esta infraestrutura empresarial.

Petróglifos do conxunto Carrasca, no monte de san Xulián, en Marín, declarados BIC / Monte Pituco

O Tribunal sostén que “non é aceptable” que a “valoración real” das afeccións ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo e a previsión das conseguintes medidas correctoras se pospoña a unha hipotética fase posterior. Nese senso, e tal e como explica a asociación nun comunicado, cualifica de “imprescindible” que unha memoria ambiental xustifique convenientemente a elección dun determinado ámbito xeográfico para desenvolver nel un parque empresarial; algo que non acontece no caso do Parque empresarial Marín-Pornedo incluído neste Plan Sectorial, polo que se ordena a anulación desta iniciativa.

O fallo xudicial dá conta da “insuficiencia” do informe de sostibilidade ambiental do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais en tanto “non contén unha valoración real das potenciais afeccións directas e indirectas sobre o Espazo Natural dos Montes do Morrazo”. Os datos do informe pericial topográfico tamén foron determinantes para que o Tribunal cuestionase esta ubicación, aprobada polo Consello da Xunta o 30 de abril de 2014 e contra a cal a Asociación Defende o Monte Pituco interpuxo o recurso correspondente en xullo dese mesmo ano.

Problemas de ubicación

Así, un 43% dos terreos afectados teñen unha pendente “moi abrupta”, superior ao 25%, ao que se suma otro 29% cun desnivel que acada esa cota. Os maxistrados destacan que, nestas condicións, a área empresarial Marín-Pornedo “non se pode localizar razoablemente” -citando textualmente o estudo de incidencia territorial do propio Plan Sectorial- porque, segundo este documento, en pendentes “fortes” por riba do 25% cómpre realizar “importantes movementos de terra”, xeran un “sobrecusto de urbanización”, causan “afección ao medio” nos aspectos físico, natural e paisaxístico, e ademais poden acarrear “problemas de estabilidade” en noiros e “encarecemento” das obras de urbanización.

Petróglifo do Xuncal, no Monte de San Xulián, en Marín / Monte Pituco

A Asociación Defende o Monte Pituco celebra esta primeira vitoria xudicial, que chega case tres anos despois de interpoñer o recurso, e agradece encarecidamente o labor do gabinete xurídico que a fixo posible, así como o apoio das organizacións e dos expertos que colaboraron no proceso. Asemade, o colectivo veciñal reitera o seu convencemento nos argumentos irrefutables a prol da protección deste espazo, un verdadeiro ‘balcón da ría’ que o Concello de Marín porfía en seguir ignorando e desprezando nas súas campañas de promoción cultural, natural, paisaxística e turística.

Esta resolución do TSXG non só é contraria ás pretensións do Consello da Xunta, senón que tamén supón “un revés”, segundo a entidade, para o Goberno local de Marín e para un grupo de empresas e asociacións afíns que, baixo criterios partidistas e intereses especulativos, alegaron a favor de incluír o Monte Pituco (Pornedo) no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, obviando as consecuencias irreparables que suporía consumar semellante aberración contra o medio ambiente e o patrimonio histórico catalogado nesta contorna.

Pode que che interese...