Documentación dun portgués represaliado durante a Guerra Civil Española

Os 370 portugueses que foron asasinados ou represaliados polo franquismo

A Guerra Civil tamén marcou para sempre a vida de millares de familias portuguesas. Cidadáns que vivían preto da fronteira ou traballaban en varias rexións españolas, víronse atrapados no conflito. Cando estalou a guerra en 1936 había 30.000 portugueses emigrantes no Estado Español, e constituía a comunidade estranxeira máis numerosa. Tres anos despois, a represión afectou só na Galiza a 370 veciños portugueses, e está constatado o asasinato de 68 persoas.

Na reportaxe “A guerra também foi nossa”, a RTP conta historias inéditas de portugueses que, a pesar de non ir á fronte de batalla, foron fusilados ou desapareceron a mans das forzas franquistas. Oitenta anos despois percorren a raia luso-española, da Galiza ao Alentejo, do Minho a Andalucía e rescatan as historias destes portugueses e das súas familias rotas polo horror da guerra.

Entre esas historias destacan as de Manuel Graciano Araújo e Abílio Barbosa Araújo. Manuel, natural de Viana do Castelo, residía temporalmente na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente, foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrouse a morte a causa de colapso cardíaco. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro da cidade do Lérez.

Un dos militantes de esquerda represaliados na Guerra Civil /RTP

Abílio, nado en Paredes de Coura e residente en Gondomar, foi asasinado en 1937 no Rosal e soterrado pola veciñanza. O seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración con forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago.

Colaboración galega

A Guerra também foi nossa” é unha reportaxe da xornalista Ana Luísa Rodrigues, con imaxes de Carla Quirino e edición de José Rui Rodrigues. Conta coa colaboración e asesoramento do investigador Dionisio Pereira, quen estará presente e varias das proxeccións.

A calidade do documental, de 44 minutos de duración, foi recoñecida o pasado mes de febreiro coa nominación aos “Prémios da Sociedade Portuguesa de Autores”, na categoría de mellor programa de información televisiva.

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa comisión pola memoria histórica “Sempre con vós. Cidadanía pola verdade”, xunto co Instituto de Estudos Miñoranos de Gondomar e a Asociación Cultural Vagalumes da Estrada trouxeron a Galicia este documental. As persoas nteresadas poden ver o documental aquí.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: