Colexiata do Sar, en Santiago / Galipedia

Restauran a Colexiata de Santa María a Real de Sar, a torre de Pisa galega

A colexiata de Santa María a Real do Sar é un templo románico fundado como mosteiro da regra de Santo Agostiño a carón do río Sar, no concello de Santiago de Compostela. É un fermoso edificio relixioso pero que ten un trazo que o fai singular entre todos os de Galicia; a fortuíta e pronunciada inclinación dos seus muros e piares.

Unha inclinación que se debe a súa proximidade ao río e aos terreos inestables sobre os que está construído, o que obrigou a construír no século XVIII uns importantes e robustos contrafortes no exterior para evitar que o antigo mosteiro viñese abaixo.

Parte do claustro gótico da Colexiata do Sar / Galipedia

Foi fundado por Munio Afonso, bispo dimisionario da diocese de Mondoñedo e antigo colaborador de Diego Xelmírez, quen rematou a obra tras a morte de Munio en 1136. A construción comezou pola cabeceira, ao mesmo tempo que se traballaba tamén nos muros do perímetro. A pesar das numerosas reformas nos séculos XVI, XVIII e XX, conserva, paralelo ao muro sur do templo, un dos lados do claustro medieval, destacado exemplo do románico compostelán de tempos do arcebispo Xoán Arias. Na igrexa e no claustro consérvase unha importante colección de sarcófagos, o máis antigo deles é o do arcebispo Bernardo que, retirado en Sar, morreu no ano 1240.

Restauración

O Consorcio de Santiago acaba de comezar a obra de aplicación de revocadura de saneamento nos paramentos interiores do claustro da Colexiata de Sar para evitar a súa xa avanzada deterioración. A igrexa está catalogada como edificio singular no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. No interior do templo atópase o Museo de Arte Sacra de Santa María a Real de Sar con pezas que amosan a vida desta comunidade monástica ao longo dos séculos.

Humidades na Colexiata do Sar de Santiago / Consorcio de Santiago

“Os paramentos interiores do claustro están revocados cun morteiro de cemento desaxeitado e afectados por humidade de capilaridade, de xeito que a humidade penetra de forma líquida nos cimentos dos muros por debaixo do nivel do chan. O muro absorbe esta humidade e os poros transportan a auga por capilaridade ata arriba en sentido contrario á gravidade. Por riba do nivel do chan, a auga evapórase e as sales cristalizan e destrúen a pintura e o soporte”, apunta a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Lourdes Pérez.

Protexeranse as pezas artísticas de cantería

Antes de actuar sobre os paramentos interiores do claustro, vanse retirar as pezas artísticas de cantería que hai neste, co fin de protexelas. Son cornixas, doelas, tapas de sarcófago e capiteis; que están fixados aos muros con garras metálicas deterioradas. Almacenaranse nunha estancia na planta baixa do corpo claustral, adxacente ao museo e ao claustro, ata que se avance nun programa expositivo para a súa posta en valor.

O seguinte paso será substituír a revocadura de cemento deteriorada por unha nova revocadura de saneamento, de volume de poros especialmente elevado, de xeito que a auga se evapore dentro da revocadura e as sales se acumulen nos grandes poros co fin de que non rebente a revocadura. O acabado final será de pintura transpirable de silicato.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: