fbpx
Memorial realizado por Isaac Díaz Pardo aos republicanos asasinados no Campo da Rata da Coruña

Restauran na Coruña o Memorial deseñado por Isaac Díaz Pardo en homenaxe a fusilados republicanos

Tempo de lectura: < 1 min.

O Memorial deseñado por Isaac Díaz Pardo en homenaxe ás vítimas do Franquismo fusiladas no Campo da Rata está sendo restaurado. A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda remata nestes días os traballos de restauración da escultura inaugurada en 2001.

Desde entón, a escultura perdera xa algúns dos seus elementos característicos, coincidindo cos de maior contido simbólico debido ás condicións climáticas, que practicamente decoloraron o azul cobalto (azul Sargadelos) co que están pintados os textos das inscricións conmemorativas e os poemas de García Lorca e Uxío Carré, que perderan completamente a maior parte do seu pigmento e se atopaban completamente decolorados.

Do mesmo xeito, a cor vermella escura que debuxaba as pegadas dos impactos de bala e os fíos de sangue sobre pedra levaba xa anos completamente esvaecida e tamén fotografía incrustada na pedra perdera completamente a súa nitidez pola acción solar e pola solución técnica adoitada, xa que o vidro que a cubría facía de invernadoiro, producindo condensacións permanentes no seu interior. Os traballos tiveron un custo de licitación de 1.648 euros e desenvolvéronse ao longo da última semana.

“Para que a reposición da fotografía teña un mellor e máis durable resultado, a restauración sírvese do importante avance nas técnicas de impresión sobre vidro, de maneira que a nova imaxe irá impresa e terá un aspecto idéntico ao da antiga fotografía enmarcada en vidro”, apuntan desde o Concello da Coruña. En canto ás cores, como indican desde a concelleira de Rexeneración Urbana, o grao exacto do azul cobalto acadouse a partir da análise de mostras extraídas dos restos de pintura que aínda quedaba e o vermello do sangue e a contorna exacta dos seus fíos recuperouse grazas á documentación fotográfica recompilada nos primeiros anos da escultura e baixo diferentes condicións de luz.

Pode que che interese...