fbpx
Unha imaxe do Zeca Afonso con letra do Grândola Vila Morena

A revolución portuguesa que comezou en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Case vinte mil persoas tributáronlle unha homenaxe a José Afonso cun evento que durou máis de doce horas no parque Castrelos de Vigo en 1986 / entrelineas.com

Este 10 de maio fixéronse 45 anos desde que soara por primeira vez o Grândola Vila Morena, o himno da Revoluçao dos Cravos de Portugal. E foi, en Santiago, no Burgo das Nacións, dous anos antes de que a súa música servise para poñer fin á Ditadura de Salazar.

A canción fora gravada en decembro de 1971 pero a ditadura salazarista prohibira a súa difusión ao considerala música “comunista”. José Afonso incluíuna no seu disco ‘Cantigas do maio’ pero a primeira vez que a cantou foi cun grupo de amigos en Santiago de Compostela que, naquela época, tamén fervía con consignas e movementos en contra da ditadura de Franco.

Este himno da confraternidade do pobo de Grândola, no Alentejo portugués, sería interpretado en marzo do 74 nun concerto no Coliseo de Lisboa porque conseguiu escapar da censura. Nese concerto había varios militares do Movemento das Forzas Armadas que a elixiron como o contrasinal para a revolución. Cando soase na radio significaría que o golpe estaba en marcha. E así aconteceu un mes despois, o 25 de abril.

 

A relación do Zeca Afonso con Galicia foi moi estreita. O músico portugués era moi querido en terras galegas. Aquí conservou moitos amigos que visitaba con frecuencia. En 2006 un grupo deles xuntouse e presentou unha proposta para que un dos principais parques de Santiago, moi preto do local onde Zeca cantou o Grândola o primeira vez, levase o seu nome.

Por aquel entón, Xosé Sánchez Bugallo, amigo de Zeca desde a primeira hora, e entón alcalde de Santiago de Compostela, arroupou a idea que se materializou en 2009. Entón bautizouse co nome de Parque José Afonso un novo espazo verde, cunha pequena carballeira, liberado na contorna do Auditorio de Galicia.

Pode que che interese...