Museo | O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e da directora da Amtega, Mar Pereira, presiden a sinatura do convenio de colaboración con HPE / xunta.gal
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e da directora da Amtega, Mar Pereira, presiden a sinatura do convenio de colaboración con HPE / xunta.gal

A Xunta di que non pechou ningún museo a pesar da crise

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sacou peito pola saúde dos museos públicos e subliñou que, no caso dos que dependen do Goberno galego conseguiuse que, a pesar da crise, non se pechase ningún deles. “Nós o que conseguimos é que ningún museo titularidade da Xunta pechase e fixémolo con menos diñeiro e nunha época de crise”, destacou.

En resposta a este portal de historia, HdG, que lle preguntou polo estado dos museos co gallo do seu día internacional, o presidente galego indicou que se mantiveron as actividades e o empregos nos museos da Xunta “a pesar de ter a maior recesión económica que se lembra”.”Fixémolo, probablemente, non coa intensidade que desexaríamos, pero conseguimos que non pechasen”, engadiu.

Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego obra de Domingos de Andrade / panoramio.com

Ademais tamén se referiu ao Museo do Gaiás, moi criticado por algúns sectores cando se abriu. “Tamén abrimos este museo no 2010 que, como vostede sabe, foi obxecto de moitos cualificativos positivos… e conseguimos pagalo”, ironizou.

A Xunta anima a ir aos museos

Aínda que Feijóo recoñeceu que na súa axenda deste xoves non estaba acudir a ningún museo, foi o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o que animou os cidadáns a visitar os museos galegos e participar nas actividades organizadas pola Administración autonómica con motivo do Día Internacional dos Museos.

O titular de Cultura visitou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), onde asistiu a unha actividade ofrecida pola compañía Fantoches Baj, unha das case 70 accións que os centros dependentes da Xunta deseñaron para esta conmemoración.

Co gallo desta celebración, o Museo Centro Gaiás, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Massó de Bueu, o Museo das Peregrinacións de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo do Mar de Galicia, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o CGAC, o Museo Pedagóxico de Galicia, así como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las organizaron múltiples propostas culturais co fin de achegar á cidadanía o patrimonio cultural que albergan.

O Día Internacional dos Museos foi instaurado en 1977 e, desde entón, celébrase en todo o mundo co obxectivo de pór en valor o papel destas institucións na sociedade. Este ano a cita celébrase baixo a lema ‘Museos e Historias controvertidas: dicir o indecible nos museos’.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: