Centro histórico de Mondoñedo

A Xunta restaurará a Casa dos Cóengos da catedral de Mondoñedo sen saber o seu uso futuro

O DOG deste mércores recolle a licitación da restauración da Casa dos Cóengos da catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo, unhas obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %) e que custarán 328.930,70 euros. Con todo, non ten, polo de agora, ningún uso definido logo desta restauración segundo apuntou a Xunta nun comunicado no que sinala que “no seu tempo albergou dependencias para uso dos cóengos, pero na actualidade está libre e sen uso”. Con todo, e segundo afirma José Manuel Merino de Castro a través do FB de HdG este edificio albergará o Museo da Imprenta de Mondoñedo.

A Casa dos Cóengos é unha edificación do século XIX e forma parte do conxunto catedralicio de Mondoñedo, xunto coa catedral, o pazo episcopal e a horta, configurando unha peza urbana de funcionamento independente dentro do conxunto. No seu tempo albergou dependencias para uso dos cóengos, pero na actualidade está libre e sen uso.

A Xunta, e non a Igrexa, restaurará o edificio porque presenta problemas de estabilidade estrutural importantes que, di, “cómpre resolver para poder dotalo dun uso viable e sostible que garanta o seu mantemento e conservación futuras, evite a súa deterioración e resolva as patoloxías actuais derivadas da inestabilidade da estrutura”.

Os traballos consistirán na consolidación e reforzo dos muros de carga, reposición de revocaduras exteriores e interiores nas zonas deterioradas e reforzo da estrutura horizontal e da estrutura de cuberta. Así mesmo, restaurarase o entaboado de madeira existente, a escaleira e as carpinterías exteriores. Ademais, dotarase o edificio de preinstalación eléctrica.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: