Aberto o prazo para o XI Certame Condado de Pallares
A XI edición do Certame Condado de Pallares xa está aberto. Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa do 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. Os interesados en participar teñen ata o 31 de outubro para presentar os seus traballos. O gañador recibirá un premio de 3.000 euros, a parte de ver publicada a súa obra.
Bases do concurso
As bases do Certame de Investigación do Condado de Pallares son as seguintes:
- Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
-
A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.
-
Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, Nº 6 – Ferreira de Pallares – 27211 Guntín (Lugo), indicando no sobre: X Certame Condado de Pallares. O Prazo de presentación rematará o 31 de outubro de 2017.
-
Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
-
O Xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institucións que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.
-
O Xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 25 novembro.
-
O acto de entrega do citado premio será no Auditorio de Chantada no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
-
As institucións resérvanse todos os dereitos sobre o traballo gañador, incluído o da súa publicación na primeira edición sempre e cando as achegas económicas permitan a publicación do mesmo. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.
-
Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.
-
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.
Membros no xurado
Coma sempre, o xurado está composto por 3 profesionais do sector cunha ampla traxectoria recoñecida no ámbito dos estudos histórico e da Universidade. Estes son:
– Carlos Baliñas Pérez: é un escritor e historiador galego que estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Historia Medieval en 1984 e se doutorou en 1990. No 1992 exerceu como profesor da British Academy. En 1988 comezou a traballar como docente e investigador no campus de Lugo da USC, como profesor axudante de Historia Medieval converténdose en 1999 en Profesor Titular. Foi secretario e vicedecano da Facultade de Humanidades de Lugo.
- Gonzalo Francisco Fernández Suárez: é un escritor e Doutor en historia. Exerce tamén a súa labor coma Docente da Área de Ciencias e Técnicas Historiográficas na Facultade de Humanidades dende o curso 2003-2004. A súa investigación versa na documentación nobiliaria, municipal, das Xuntas do Reino de Galicia e na notarial, entre outros.
– Fernando Arribas Arias: É diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica e licenciado en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como técnico de difusión do Museo Provincial de Lugo. Foi membro da comisión territorial do Patrimonio Histórico-Artístico da Xunta de Galicia en Lugo e da comisión técnica de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. É socio-fundador de diversas asociacións relacionadas co patrimonio cultural e, actualmente, é o secretario da Asociación de Amigos do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos.