Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

Axudas de ata 1,8 millóns para rehabilitar vivendas en cascos vellos

O Consello da Xunta autorizou este xoves un investimento de 1,8 millóns de euros para subvencionar os intereses de préstamos concedidos para rehabilitar vivendas, sobre todo, en cascos vellos de cidades.

O vicepresidente, Alfonso Rueda, dixo que se trata “dunha medida pioneira” que se centra, aínda que non “exclusivamente”, en inmobles situados en centros históricos. Suporá financiar a totalidade dos intereses dos préstamos a aquelas familias cuxos ingresos non superen “catro veces o Iprem”: por exemplo, para fogares con tres membros nos que entren menos de 37.400 euros anuais.

A partir desa contía e ata 6,5 veces o Iprem, a porcentaxe dos intereses que abona a Xunta vaise reducindo. A partir das 6,5 desaparecen esas bonificacións, pero non as outras facilidades.

En concreto, como detallou Rueda, estes préstamos (canalizados a través de Abanca, Banco Sabadell, CaixaBank e Caixa Rural Galega) non teñen comisións de apertura e, ademais, teñen un período de carencia inicial de ata dous anos. O prazo de amortización oscila entre o seis meses e os 15 anos, mentres o importe máximo do crédito sitúase nos 30.000 euros para os préstamos persoais e nos 60.000 para os hipotecarios.

Conservar o patrimonio

Detallado o programa, o tamén conselleiro de Presidencia destacou que os obxectivos do Goberno galego pasan por conservar o patrimonio arquitectónico e dinamizar a economía.

Por outra banda, o Consello da Xunta analizou a marcha do programa de subvencións a concellos para a mellora da accesibilidade en edificios e espazos públicos. Actualmente, tal e como indicou Alfonso Rueda, están a levarse a cabo obras en 18 municipios por un importe total de 900.000 euros.

Trátase, como admitiu, da primeira vez que se convoca esta liña de axudas desde o ano 2009 e a súa intención é que teña “continuidade” en exercicios posteriores.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: