fbpx
Facultade de Xeografía e Historia da USC / fotosantiagoturismo.com

Cando o galego se falou por primeira desde un atril da universidade

Tempo de lectura: 2 min.

O 16 de setembro de 1915 o profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala, Luís Porteiro Garea, pronunciaba no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia. Cen anos despois, a USC pon o seu nome á primeira edición dun premio co que a institución recoñecerá publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O prazo para recibir propostas estenderase ata o 15 de xullo

Luís Porteiro Garea, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela,fFoi catedrático na USC, concelleiro agrarista e presidente das Irmandades da Fala desta cidade. En febreiro de 1918 presentouse como candidato rexionalista a deputado en Cortes polo distrito de Celanova, pero foi derrotado polo candidato conservador Senén Canido Pardo. Colaborou en diversas publicacións como El Radical, Gaceta de Madrid, Estudios Gallegos e A Nosa Terra. Morreu prematuramente en 1918, vítima da pandemia da gripe e os seus restos descansan en Ponte Carreira, Gafoi.

Luis Porteiro Garea, o primeiro profesor da USC en dar aulas en galego, co seu fillo

Máis alá do galeguismo

Foi un dos creadores do nacionalismo moderno pois apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara a creación dunha organización política. Os seus escritos atenderon a un dobre núcleo temático: definiu a España cono unha organización defectuosa que se fundou na oligarquía e o caciquismo e responsabilizou aos galegos e aos factores endóxenos de Galicia dos seus propios problemas. Defendeu o establecemento dunha república presidencialista e progresista.

Porteiro Garea doutorouse en Madrid en 1914 coa tese ‘El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo‘ e foi un acérrimo defensor da lingua galega. Tamén apostou pola europeización da cultura galega e rexeitou o separatismo. Considerou a Galicia e a España como dous entes diferenciados pero cunha estreita interrelación.

Premio

E para lembrar a súa defensa do galego, a USC acaba de convocar o I Premio ‘Luis Porteiro Garea’, que distinguirá a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasados da USC que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade. Así, destacarase aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da institución universitaria, especialmente se uso se producir de xeito pioneiro; a achega por parte da persoa ou colectivo premiado á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.

As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Neste senso, cumpre presentalas segundo o modelo que se pode descargar na web do Servizo de Normalización Lingüística (www.usc.gal/nel) e irán dirixidas á secretaría do xurado a través dos rexistros da USC, ben de xeito presencial ou por medios electrónicos (https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm). O premio terá carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiados nun acto protocolario.

Pode que che interese...