fbpx
Vista parcial da Vila de Laxe a mediados do século pasado / colección José Vidal

Case 125 anos da historia de Laxe e da Costa da Morte contada en 67.0000 imaxes

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace á proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de recoñecer como colección visitable o Museo do Mar de Laxe (A Coruña), logo da solicitude tramitada polo Concello de Laxe, que ten a súa titularidade.

O seu contido xira arredor de dous eixos básicos, que son a historia da vila de Laxe e da comarca desde finais do século XIX ata os anos 70 do século pasado; cunha especial atención á divulgación da cultura marítima e á preservación da memoria socio cultural da zona. Polo tanto, este patrimonio antropolóxico, histórico e visual constitúe o soporte fundamental da colección que alberga.

Non obstante, a peza fundamental do Museo son o conxunto de fotografías procedentes do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José María Vidal (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro. Este arquivo está composto por 67.000 imaxes que reflicten a historia de Laxe e a súa contorna ao longo de máis dun século. Todas estas fotografías foron dixitalizadas e atópanse depositadas no Arquivo Municipal, aínda que están asignadas ás coleccións do Museo do Mar de Laxe, onde actualmente -na súa planta baixa- se reproduce unha escolma delas.

Parada de autobús en Laxe / colección José Vidal

Unha vez recibida a solicitude por parte do Concello de Laxe, e analizada toda a documentación pertinente como é o inventario de fondos e o Plan de colección visitable (que abrangue o programa museolóxico e museográfico, persoal e financiamento), a Consellería de Cultura estimou que o Museo do Mar de Laxe reúne as condicións e requisitos necesarios para acadar a colección visitable, cun contido temático marítimo-pesqueiro e ámbito local.

Requisitos

A Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia establece, no seu artigo 112, que se considera “colección visitable” aquela que non reúna todas as características e condicións necesarias para o seu recoñecemento como museo, sempre que as súas persoas titulares faciliten, mediante un horario accesible e regular a visita pública e o acceso do persoal investigador. Así mesmo, os seus fondos gozarán das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación.

A partir da entrada en vigor da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, ata o de agora, son 23 os museos, coleccións ou centros catalogados como “colección visitable” en Galicia (2 museos e 21 coleccións visitables).

Pode que che interese...