fbpx
Un dos máis cativos en practicar xogos tradicionais / Xotramu

Como eran os xogos e xoguetes dos nosos avós

Tempo de lectura: < 1 min.

Abelliñas do mel, aceiteira, buxaina, chapas, trompos ou peonzas, billarda ou estornela, a chave, a mariola, a petanca ou as bolas son algúns dos xogos cos que se divertían os nosos avós.

Eran xogos instrutivos, que formaban parte da sociedade, tiñan unha dimensión lúdica e educativa e fomentaban a convivencia e cooperación en grupo. Precisamente, seguindo este espírito educativo, formativo e lúdico este sábado tivo lugar a IX edición da Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta.

Este tipo de iniciativas “manteñen vivos costumes e xogos da nosa terra ao mesmo tempo que ofrecen unha programación extensa de distintas modalidades de xogos para todas as idades. “Todos estes xogos lévannos aos nosos pais, aos nosos avós, e a tantos tempos de ledicia que compartimos a través destas actividades populares”, subliñou a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía de Lugo, Pilar García Porto.

A xornada comezou ás 10:30 horas no recinto feiral Manuel Vila e contou con máis dun centenar de xogos de enredo, campionatos de distintas modalidades de bolos, chave ou billarda. Ademais houbo competicións de peóns, de corte con tronzón, de tiro á corda e varias exhibicións de deportistas vascos de talla de madeira profesional.

Esta festa foi posible grazas a Xotramu, que é unha asociación de Muimenta que ten como obxectivo a recuperación de xogos tradicionais. Desde o ano 2008, Xotramu organiza a xornada de xogos tradicionais no recinto Manuel Vila do Concello de Cospeito, que conta coa participación de asociacións de toda Galicia, Asturias e Portugal. Unha das metas da asociación é que a Festa de Xogos Tradicionais sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.

Pode que che interese...