Castelo de Vimianzo / vimianzo.gal

A Guerra Irmandiña, 550 anos despois

Este ano non é un ano calquera. Fanse os 550 anos da Guerra Irmandiña e da toma de moitos castelos galegos. Un deles foi o de Vimianzo, onde cada ano ten lugar a festa do Asalto ao Castelo.

Desde esta fortaleza impartíase terror e a xustiza feudal a todos os habitantes das terras da xurisdición (hoxe, repartidas entre os concellos de Camariñas, Laxe, Zas, Muxía e o propio Vimianzo). Por iso, os irmandiños non dubidaron en tomalo para rematar con eses abusos de poder.

E ese asalto ao castelo volverá repetirse 550 anos despois, enchendo de festa e actividades a vila de Vimianzo do 17 de xuño ao 1 de xullo, o día grande da festa.

Novidades

Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Con esa idea de pór de relevo a historia da Guerra Irmandiña terá lugar o sábado 24 de xuño un acto especial “Vimianzo, 1467”. No patio do castelo explicarase dunha maneira didáctica en que consistiron estas guerras, como afectou a Vimianzo e tamén como sería a vila e o castelo naquel tempo. Á cita están chamados os historiadores Xosé M. Lema e Carlos J. Galbán, expertos na materia. Durante o relatorio tamén se poderá tomar unha cervexa e gozar despois co concerto dos Druídas da Rolda nun lugar perfecto para encherse de historia.

Outro acto curioso será o I Enlace irmandiño, que se desenvolverá no campo de entrada ao foso do castelo antes do comezo da Cea Medieval. Nel realizaranse casamentos inspirados no medievo e con licenzas propias, para crear un “rito irmandiño”.

Outra actividade que introduce novidades é a das Irmandades parroquiais, abertas á participación de toda a Terra de Soneira histórica (concellos de Camariñas, Vimianzo, Zas, Laxe e parte de Cabana). Este desfile de tropas irmandiñas chegadas de diferentes parroquias acabarán na praza do Concello, reuníndose para o ataque final na noite do sábado 1 de xullo. Unha persoa protagonista na representación teatral, dirixida este ano por Michel Antelo, será a encargada de arengar as Irmandades para o Asalto.

Unha legua para correr

O sábado 17 quedará inaugurado o Asalto ao Castelo coa celebración da carreira nocturna da Legua Irmandiña. Na súa terceira edición contará tamén cunha Carreira Inclusiva para persoas con diversidade funcional, ademais de diferentes categorías para todas as idades. Para apuntarse hai que acudir á web www.prueba-t.es

Mapa antigo coa Terra de Soneira

Actividades para a canteira

O Asalto é unha festa para todas as idades. Os nenos e rapaces teñen un protagonismo especial no Asaltiño o ataque ao castelo que se celebra o sábado 1 de xullo a partir das 4 e media da tarde. A batalla de auga é o elemento máis divertido desta cita que se vai preparando cos diferentes obradoiros que se celebran durante o día e toda a semana previa.

Alén diso, o alumnado do IES Terra de Soneira convértese en actrices e actores na animación de rúa e bares dos Pinchos Irmandiños, con diferentes pezas ambulantes e na Visita guiada teatralizada, na que os personaxes da historia do castelo cobran vida.

Gastronomía medieval

Unha cita para non perder é a dos Pinchos Irmandiños, que este ano chegan á súa décima edición, con dezanove locais participantes. Os petiscos teñen unha condición esencial: non se poden utilizar alimentos que non se existisen na Idade Media en Galicia.

Ademais, o Concello de Vimianzo promove durante todo o mes de xuño as Xornadas Gastronómicas Medievais, nas que participan tres restaurantes da vila. Cada un ofrece menús de época, previa reserva a 20€ bodega á parte. Recupérase deste xeito a gastronomía histórica que tenta impulsar o Concello como referente.

E se se fala de gastronomía medieval, non pode faltar a VIII Cea Medieval, que esgotou as súas entradas en poucas horas este pasado luns. Medio cento de persoas xantará o venres 30 de xuño no foso do castelo, vestidos de época e poderán gozar da actuación dos Manicómicos, e xa despois aberto a todo o público da música dos vigueses Pelepau.

Presenza musical

Tras o concerto do venres, o sábado toma o relevo musical cunha sesión vermú na praza do Concello cos Druidas da Rolda e, xa á noite, os concertos no Campo da Festa. A partir das 10 da noite soarán Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre para ir bailando e quecendo o corpo para asaltar o castelo a medianoite. Unha vez rematado o Asalto, a música continúa coa rumba de Muchachito, o rock bravú dos Heredeiros da Crus e a troula sen fin dos Festicultores.

Organización

O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o Concello son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais o resto de asociacións como Trubisquiña e outros colectivos da vila e comarca fano posible. Un evento ao que tamén contribúe como patrocinador este portal, Historia de Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: