Guía de ritos para vivir o San Xoán
Salto por riba
do lume de san Xoán,
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.
Salto por riba/ do lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can.
Sálvote lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin cantos males han.
Son tres das fórmulas máis utilizadas cando se salta a fogueira de San Xoán, o ritual co que máis se identifica esta noite máxica no que as cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas son as protagonistas.
O lume é a esencia da noite do San Xoán. Un lume purificador que supón o inicio dunha nova vida espiritual. De feito, os saltos por riba das cacharelas están relacionados cun rito purificador. Queimar os malos espíritos e afrontar o novo ano solar con folgos renovados. Os saltos soen ser tres, aínda que, dependendo das zonas son máis, ata nove. En todo caso, sempre un número impar.
Con todo, o San Xoán é todo un micro cosmos de rituais que se remontan ao principio dos tempos, cando os homes vivían da natureza e a natureza vivía dos homes. Outros dos ritos máis comúns nesta noite máxica é lavar a cara con diferentes herbas, aromáticas ou non, recollidas a véspera de san Xoán, e que posúen tamén propiedades máxicas.
Ás xa coñecidas como herbas de San Xoán atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite. Hai que deixar as plantas e flores en auga á intemperie durante a noite, e lavarse con elas na mañá seguinte.
Resulta difícil establecer a lista das herbas de san Xoán, xa que cada zona de Galicia ten as súas, aínda que soen ser sempre sete herbas diferentes. Entre as máis comúns están a dedaleira, o fiúncho, o codeso, o fento macho, o trobisco (Daphne gnidium), a espadana, a abeloura ou herba de san Xoán, a malva, a artemisa (Artemisa vulgaris), o romeu, a macela ou matricaria, a herba punteira (Sempervivum tectorum), a herba luísa, a roseira, ou follas de nogueira, de bieiteiro, de ameneiro ou de carballo.
Tamén se cre que as herbas de San Xoán protexen a casa contra as meigas e, por iso, colócanse ramallos de flores nas portas e ventás. Esta propiedade protectora consérvana durante o resto do ano: hai que secar as herbas de san Xoán e dependuralas logo nalgún lugar da casa para evitar a entrada das meigas.
Tamén as herbas de san Xoán posúen propiedades premonitorias: deixadas sobre unha mesa durante toda a noite, se á mañá seguinte están verdes e frescas agoiran prosperidade na casa; se murchan, anuncian infortunios.
Outras tradicións
Ademais, dos saltos e das herbas, na noite de San Xoán tamén se realizan outros rituais adivinatorios. Un deles consiste en escachar un ovo nun vaso de auga ás doce da noite, e deixalo durante toda a noite. Xa non mencer e, dependendo da forma que adopte, poderase predecir o futuro. Se o que semella é un cadaleito, agoira unha morte próxima;se un corazón, un próximo amante; se un meniño, que vai ter fillos.
En San Xoán tamén existía o costume de afumar o gando para protexelo do meigallo. Neste caso, fan andar o gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume.
Estes son algúns dos rituais máis comúns da noite máis curta do ano, e tamén a máis máxica. Pero, dependendo das comarcas de Galicia, existen particularidades. En todo caso, o máis importante é disfrutar do San Xoán e sentir que serve para purificarse e para iniciar unha nova etapa do ano.