Máis de 50 entidades unidas para defender e promover o patrimonio galego
“A cultura é a identidade do noso pobo”. Con esta premisa, máis de cincuenta entidades culturais e patrimoniais de toda Galicia abriron o proceso para a creación da Rede polo Patrimonio Cultural Galego, unha entidade cuxo principal obxectivo será velar pola protección, a divulgación e a defensa do patrimonio cultural do país. Un total de 33 delas, incluída Historia de Galicia, estiveron presentes na xuntanza fundacional da Rede no Museo do Pobo Galego este sábado 3 de xuño. O resto deu o seu apoio á xuntanza, aínda que non puideron estar presentes. Nas vindeiras semanas, as asociacións que refrenden os acordos tomados constituirán xa formalmente esta Rede de Patrimonio Cultural.
A rede servirá como un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan dela e tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si soas, lles resulta difícil acceder.
54 entidades de gran diversidade territorial e sectorial
54 entidades de todo o país, que reúnen desde grupos culturais de carácter local ou comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de carácter profesional, uníronse no que é a primeira rede vinculada ao patrimonio cultural que se crea en Galicia, un país onde a cultura e o patrimonio constitúe unha importante fonte de riqueza tanto social como económica e un valioso activo cara ao futuro. As entidades participantes na rede manterán a súa independencia, aínda que participarán do seu calendario común de actividades.
Unha planificación anual
A Rede polo Patrimonio Cultural Galego realizará campañas –dúas ou tres por ano–, que afecten a aspectos económicos, lexislativos, administrativos, sociais ou educativos relativos ao patrimonio cultural, á súa conservación, protección e promoción. Ademais, as entidades participantes acordaron impulsar mecanismos e compartir recursos para divulgar o patrimonio, especialmente na ensinanza, co obxectivo de que os máis pequenos crezan cos valores do amor á súa historia e á súa cultura.
Por outra banda, consciente de que forma parte dun espazo cultural e histórico concreto, a rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galicia territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, como o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas como a de Ponte das Ondas.
A Rede polo Patrimonio Cultural Galego conta xa coa web redepatrimonio.gal para difundir as súas actividades e as de todas as entidades participantes e creará unha intranet para as comunicacións internas.
A creación desta nova entidade de defensa do patrimonio é froito de semanas de contactos entre distintas entidades. Máis de 50 de toda Galicia amosaron o seu interese en participar nela e 33 ratificaron os acordos para impulsala nunha xuntanza que tivo lugar este sábado no Museo do Pobo Galego, en Santiago.
As entidades que participan no proceso de fundación da Rede de Patrimonio Cultural son:
A Gentalha do Pichel |
ADEGA |
Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde |
Asociación Amigos dos Castros |
Asociación Betula |
Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! |
Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional |
Asociación Monte Pindo Parque Natural |
Asociación Nordés |
Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego |
Asociación profesional CRG da Conservación e Restauración de bens culturais de Galicia |
Asociación profesional de guías de turismo de Galicia |
Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial |
Colectivo A Rula |
Colectivo defensa Patrimonio A FORNEIRIÑA |
Colectivo defensa territorio ANOVATERRA |
Comunidade de Montes de Baroña |
Fundacion Eira |
Fundación Terra Termarum Castrolandín |
Grupo de Investigación Roda |
Irmandade Illa de Tambo |
Liga Céltica Galaica |
Mariña Patrimonio |
Noutrora |
O Colado do Vento |
O Sorriso de Daniel |
O Suído |
Patrimonio dos Ancares |
patrimoniogalego.net |
Plataforma pola recuperación do Sar |
Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) |
Sos Arte Rupestre |
Umia Vivo |
www.historiadegalicia.gal |