Maruja Mallo nun óleo de Araceli Rego

Maruja Mallo, a revolucionaria da arte galega

Foi artista e musa de artistas, librepensadora, ilustrada, filósofa e revolucionaria. Maruja Mallo fíxose camiño nun tempo no que o mundo era eminentemente masculino e no que acabou brillando por méritos propios. Uns méritos que, agora, a deputación lembra en Lugo cunha homenaxea a súa figura con pinturas, escritos e fotografías.

Nada en Viveiro en 1902, Maruja Mallo trasladouse a Madrid para estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando onde permaneceu ata 1926. Alí relacionouse con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano e Rafael Alberti.

Cadro La Verbena, de Maruja Mallo

Durante a década dos anos vinte traballou para numerosas publicacións literarias como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente e realizou portadas de varios libros. E grazas a este traballo, Ortega y Gasset organizoulle en 1928 unha exposición nos salóns da Revista de Occidente. A mostra foi un éxito e supuxo o punto de partida para que Maruxa fose xulgada pola súa obra e non pola súa condición feminina.

En 1932 foi estudar cunha bolsa a París e alí entrou en contacto co surrealismo, coñeceu a Max Ernst, René Magritte, Joan Miró, Giorgio de Chirico e participou en tertulias de café con André Breton e Paul Éluard. Alí comezaría a súa grande etapa surrealista.

Volveu a Madrid e pouco despois trasladouse a Galicia, onde a collería o comezo da Guerra. Tivo que agocharse en Vigo, na casa dun tío, oculta durante seis meses por medo a ser paseada. En xaneiro de 1937 conseguiu chegar a Tui e de alí a Lisboa. Despois viaxaría a Arxentina e logo a Nova York. En 1965 volvería a Madrid, cidade na que morreu en 1994, non sen antes comezar unha nova e longa etapa pictórica que duraría ata a súa morte.

Exposición en Lugo

Precisamente, e para lembrar esa longa traxectoria, a Deputación de Lugo presentou este xoves a mostra Maruja Mallo, Vinte Almas, que estará exposta ata o 3 de setembro na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo.

Maruja Mallo e Josefina Carabias en 1931 en Madrid coa obra Antro de fósiles

A mostra conta cun total de 55 cadros, dos que 25 son pinturas de Maruja Mallo de distintas etapas ao longo da súa traxectoria artística, destacando as obras relacionadas cas máscaras, a auga e as arquitecturas minerais. Tamén acolle obras de artistas que foron claves na vida e na produción da lucense como Pablo Picasso, Joan Miró, de compañeiros da Escola de Vallecas como Benjamín Palencia e Alberto Sánchez, así como artistas exiliados galegos como Eugenio Granell e Luís Seoane.

Maruja Mallo, Vinte Almas está composta por ilustracións, cartas, catálogos de exposicións ou escritos, entre os que destaca o acta da bolsa que lle concedeu a Deputación entre 1926 e 1929, ademais de fotografías como o negativo orixinal de Maruja Mallo co poeta chileno Pablo Neruda que axudan a entender un pouco mellor a vida e obra da lucense. Na exposición tamén recupérase unha entrevista de televisión que lle fixo Joaquín Soler Serrano para o programa A fondo na que fala das súas experiencias e vivencias.

A mostra compleméntase coa achega de catro proxectos de artistas contemporáneos, todos eles nados en Viveiro. Son Montse Rego, Renata Otero, David Catá e Félix Fernández coa su interpretación sonora-musical “20 cancións para Maruja Mallo”.

Ademais, a Deputaciónde Lugo organizou durante o mes de abril a Semana Escolar con Maruja Mallo, para divulgar entre o alumnado de educación secundaria da provincia de Lugo coñecementos sobre a vida e obra da pintora. O organismo provincial editou un libro-manual e co apoio dos docentes, máis de 9.000 alumnos realizaron diferentes actividades enmarcadas no ámbito da educación plástica e visual, a lingua e literatura, as ciencias sociais, xeografía e historia, así como a música.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: