Mámoa descuberta pola arqueóloga de Mazaricos, Nina Alvela / Concello de Mazaricos

Mazaricos, o concello que descobre, difunde e protexe mámoas e castros

Novo achádego arqueolóxico en Mazaricos, na Costa da Morte. E, desta volta non é un particular ou unha asociación. É o propio concello o que decidiu dar a coñecer e catalogar dúas novas mámoas que foron descubertas pola arqueóloga municipal, Nina Alvela.

Este dous novos bens catalogados están na zona do Panasco, preto da Picota. Unha vez dadas a coñecer en Patrimonio, onde xa quedaron catalogadas, a profesional explicou este martes a un grupo de alumnado do C.E.I.P A Picota todo o relacionado co achado no propio lugar.

Os nenos dunha escola visitan as mámoas descubertas por Nina Alvela en Mazaricos / Concello de Mazaricos

Unha das mámoas conserva intacto o cono de profanación, é dicir, o sitio por onde os espoliadores tentaron facerse cos supostos tesouros deste xacemento. Alvela explicou ao estudantado que estes monumentos funerarios están datados entre o 5.000 e o 3.000 a.C., a finais do Neolítico.

“Mazaricos, debido á súa xeografía, por ser un altiplano, é un lugar onde abundan as necrópoles tumulares”, dixo Alvela ao referirse as de Val, Porto do Coído ou Busto. Tamén falou da necrópole de Porto Coído como “un xacemento que é estudado a nivel europeo e do que podemos contemplar perfectamente o dolmen da Parxubeira”.

Limpeza dun castro

Un dos muros do casto do Monte Aro, en Mazaricos, limpo

Ao mesmo tempo, o concello está a levar a cabo unha limpeza controlada do castro ubicado no Monte Aro. A propia Alvela é a que está a supervisar estas tarefas. “Non podemos usar cadeas e debe ser todo moi coidadoso, para non degradar a estrutura do castro”, explica. “O castro ten dúas murallas perfectamente identificables, e unha terceira, onde estaban as terrazas de cultivo”, sinala. A arqueóloga data o castro “entre 0 600 a.C e o 300 d.C porque, tras iso, este tipo de construccións situáronse a máis baixa altura”.

“Este lugar era un oppidum, é dicir, unha poboación importante, como unha cabeceira de comarca”, constata Alvela. A situación do castro fai que sexa o mellor ubicado da bisbarra do Xallas e un dos máis grandes da Costa da Morte. A profesional afirma que está “segura” de que aparecerán mostras e fragmentos cerámicos durante o estudo.

O alcalde, Juan José Blanco Riveiro sostivo que “pretendemos poñer en valor o noso patrimonio e mellorar as condicións socioeconómicas da zona grazas a un turismo respectuoso e sostible”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: