fbpx
Cartografia Lidar en 3D

O novo Lidar cartografiará milimetricamente Galicia e creará modelos tridimensionais

Tempo de lectura: 2 min.

A Consellería de Medio Ambiente publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia o contrato polo que se licitan os traballos para mellorar a información Lidar (Light Detection and Ranging) de Galicia, facilitada polo Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento, e a elaboración de modelos tridimensionais do territorio galego, por un importe de 175.000 euros.

O Lidar (Light Detection And Ranging) é un dispositivo que permite calcular distancias entre un sensor e a superficie terrestre, medindo o tempo que tarda un pulso láser emitido polo sensor en chegar á superficie da terra e regresar ao receptor. Esta tecnoloxía posúe unha “enorme capacidade” para xerar, de maneira masiva, “información sobre o territorio observado cunha gran calidade e precisión espacial”.

Plano Lidar da fortaleza de Morgade, en Ordes / Xosé Troiano

O Instituto de Estudos do Territorio utilizará esta información e modelos para “actualizar e incrementar” a calidade da cartografía que elabora, e tamén se porá a disposición de todos os profesionais e da cidadanía en xeral. A información resultante pode ser empregada para o desenvolvemento de aplicacións hidrográficas (análises de risco de inundacións ou estudo de dinámicas hidrográficas, entre outras).

Outros usos habituais son a obtención de información detallada sobre o relevo, como son os mapas de pendentes, orientación de ladeiras, mapas de insolación e mapas de visibilidade; a cuantificación de variables para a planificación e xestión forestal; a modelización de construcións e elementos artificiais; ou o catastro e control urbanístico.

Pero, esta información tamén é aplicable para o desenvolvemento de traballos de inventariado do patrimonio cultural ou para outras aplicacións específicas, como análises de visibilidade ou cobertura de antenas e planificación e xestión de tendidos eléctricos, estudos de erosión ou análises de risco de incendio.

Cubrir Galicia de puntos cartográficos

Os traballos enmárcanse dentro do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA) no subprograma do PNOA Lidar. O obxectivo é cubrir todo o territorio mediante nubes de puntos con coordenadas X,E,Z obtidas mediante sensores Lidar aerotransportados.

Estas coberturas realízanse mediante a colaboración e cofinanciamento entre o Ministerio de Fomento, Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, así como as Comunidades Autónomas. De feito, este proxecto colaborativo foi recoñecido xa no ano 2013 polas Nacións Unidas como servizo público excelente.

Pode que che interese...