Unha das ilustracións de Castelao / pontevedraviva.com

Os orixinais do Álbum Nós de Castelao permanecerán expostos no Museo de Pontevedra a pesar dos roubos

Os orixinais do Álbum Nós, de Castelao, cedidos ao Museo de Pontevedra por un período inicial de cinco anos seguirán expostos no Museo de Pontevedra, a pesar do roubo dunha obra de arte denunciada este mércores pero que tivo lugar xa hai dous anos.

O equipo do Museo, despois de negocialo, conseguiu unha cesión por cinco anos que confían en que “sexan prorrogables e culminen nunha doazón ou nunha cesión permanente”, afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Namoraban nas foliadas

Debuxo de Castelao

Desde 1924 e ata o ano pasado non se volveron a ver expostas as estampas que conforman o Álbum Nós de Castelao e, desde a década de 1930, perdeuse a pista do seu paradoiro. Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foron localizados nunha colección particular no mes de marzo de 2016 e expostos no marco da mostra ‘Meu Pontevedra’, celebrada entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade.

“Todo o importante de Castelao está no museo”

“Todo o importante sobre Castelao está custodiado por e no Museo de Pontevedra”, apuntou o director do centro, Carlos Valle, destacando que “hoxe é un día grande” porque este material “vai completar o discurso expositivo nas salas Castelao”.

A data escollida para facer este anuncio ten unha importante carga simbólica, xa que o 28 de xuño foi o día do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936 e do traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres. Despois do verán, está previsto que se reformulen as salas do segundo piso do Museo de Pontevedra dedicadas a Castelao para incorporar estes orixinais.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: