fbpx
Muro de pedra nun tramo do camiño de Vilar de Fraga por onde pasa un Camiño Real e a per loca marítima / http://unidas.info

Os perigos das vías romanas e dos camiños históricos galegos: Dous casos concretos

Tempo de lectura: 3 min.

Galicia é o país dos ríos e das fragas, pero tamén dos camiños. Camiños que vertebran un territorio espallado e dividido en miles de parroquias e casais. E, algúns deses camiños teñen unha longa historia, tan longa, que se remonta á época romana ou a época medieval. Son as coñecidas como vías romanas ou camiños reais que servían de nós viarios durante a época romana e a Idade Media e Moderna.

O pasado 23 de maio deste ano, celebrouse un encontro organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Neste evento tratouse sobre o estado actual das vías romanas en Galicia e a necesidade dunha maior protección. A xornada estivo coordinada por Carlos Nárdiz Ortiz.

Árbores parcialmente derrubadas para impedir o paso a un campo de tiro olímpico desde o camiño histórico de Vilar da Fraga / Ismael López

Camiño de Vilar da Fraga

Na súa intervención, este enxeñeiro de camiños falou do camiño real de Vilar da Fraga, na parroquia de Soandres (A Laracha), do que dixo que podía ser unha vía romana. E referiuse a el porque, na actualidade, está moi afectado polas instalacións do polémico Clube de tiro olímpico e o campo de tiro olímpico que se construíu na Fraga de Vilar da Fraga, e que eliminou parcialmente esta, nunha talla excesiva dunha carballeira histórica á beira do río Anllóns.

O camiño histórico tal e como aparece reflectido no libro “Interrogatorio” da parroquia de San Pedro de Soandres de 1752, do Catastro do Marqués da Ensenada, está incluído no fondo documental da Real Intendencia de Galicia, que se custodia no Arquivo do Reino de Galicia, coa sinatura 46.322.2626, páxinas 5 e 6 do documento citado. Un vial que, a pesar da súa historia, está directamente afectado polas instalacións do campo de tiro.

Segundo ese catastro, o camiño real pasa pola Mansión de Atricondo, é continuación do Camiño de Santiago e segue por esta zona desde Hospital Bruma, As Travesas, Santiago de Sumio, Encrobas, O Castelo, Picardel, Paradela, Refojo Mantiñán, Posadoiras, Santa Baia, Vilar de Fraga, ruta que seguiría cara Ponteceso pola marxe do río Anllóns ou ben a “Brigantia” Mansion de Brigantium (A Coruña). O Camiño real tamén coincidiría neste treito coa Vía Per Loca Marítima XX.

Polo tanto, o Camiño real está vencellado á antiga vía romana en parte polos restos atopados en diferentes lugares moi próximos entre eles: Cerqueira, Refoxo-Mantiñán, Codesuso-Millarade e Castro Baia, e sobre todo pola paraxe de Vista Alegre onde existe constancia dunha feira notoria e importante, andecedente do que é actualmente a feira de Paiosaco.

Via Nova ao seu paso pola Baixa Limia / Panoramio

O camiño afectado por unha multinacional

Non é o único camiño afectado por grandes obras. Tamén está o Camiño real, de dominio público con referencia catastral 27062A031090050000WY e 27062A036090010000WX que xa se observa na foto do voo americano de 1956 na cima do Monte Penedo, parroquia de O Cancelo (Triacastela). E este, afectado pola explotación mineira de Cosmos, a mesma que tamén prexudica a Cova Eirós.

As súas orixes remóntanse á época romana no contexto das denominadas  “vías augustas”, e constituían un enlace que conectaba dúas das grandes vías de comunicación, a “Vía XIX” que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusta (Astorga), e a denominada a “Via Antigua”que unía Bergdunum (Bierzo) con Mons Mortis (Monforte), e que probablemente continuaba cara ao norte ata o mar Cantábrico pasando por Pons Naviae.

Na Idade Media transformouse en Camiño Real, e adquiriu gran importancia comercial. Existe numerosa documentación histórica sobre este, tanto en documentos de Tombo do Mosteiro de Samos, como en diversos documentos de apeos, aínda que destaca especialmente o Preito da Real Audiencia sobre servidumes de camiños de 1577 conservado no Arquivo do Reino de Galicia. Estes documentos tratan especificamente sobre este tramo, titulado “Los Vecinos de Laguna, los de Lamas y los de Cancelo con los de Triacastela, sobre ir por aquellos lugares al Camino Real”, que versa sobre o privilexio de non pagar peaxe polo seu uso ao ser un camiño real. Así mesmo, dado que este camiño neste tramo serve de límite entre as parroquias de Cancelo e Vilavella, descríbese con total claridade no Catastro de Enseada en 1752.

Ante esta situación, faise necesario que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, protexa sen demora o patrimonio histórico e cultural dos camiños reais de Galicia, e de que inste a colaboración do Consello da Cultura Galega para executar esta protección.

Escrito por

Divulgador e presidente da Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Pode que che interese...