Recreación dunha batalla entre romanos e britanos / arrecaballo.es

As Pontes reivindica o seu pasado romano

Os vindeiros 16, 17 e 18 de xuño de 2017, no casco histórico da vila de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) terá lugar a IV edición da xa popular Cita coa Historia das Pontes, que ano a ano ofrece a veciñanza e asistentes distintas actividades de lecer, nas que poderán coñecer máis polo miúdo como era a vida na Gallaecia romanizada, o mundo galaico-romano.

Segundo os impulsores desta festa, a día de hoxe existen nas Pontes achádegos arqueolóxicos que atestemuñan a existencia dunha villae romana na localidade, en concreto no espazo de confluencia entre os ríos Eume e Chamoselo, onde ademáis de aparecer restos de vivendas da época, cos seus correspondentes materiais construtivos, apareceron tamén os restos dun mosaico romano. “Asemade a ponte que leva por nome Ponte Romana, sobre o río Chamoselo, pese a que a súa factura actual non se corresponde cos tipos construtivos de época romana, pode considerarse froito dunha restauración ou amaño sobre a base dunha ponte romana primitiva. Tamén nos arredores da vila, apareceron dúas aras romanas, a de Santa Eulalia do Portorroibo e a de Somede”, indican.

 

Obradoiros, espectáculos, concertos, arqueoloxía experimental, animación, xogos populares, teatro ou cetrería, son algunhas das actividades nas que poderán participar de balde todas as persoas que se acheguen á vila de As Pontes. Este ano como novidade contarase coa presenza de 3 lexións romanas chegadas de Lucus Augusti, que se enfrontarán aos galaicos no campamento da vila. Trátase da Cohors X Urbanae Lucus Augusti, a Cohors III Lucensium e Caetra Lucensium, que achegarán a vida civil e militar romana a través de loitas de gladiadores, talleres de instrución militar romana, obradoiros de coiro para rapaces e desfiles militares. Xa o sábado á noite haberá un concerto folk tamén de balde, coas bandas Os Tres Trebóns, Riobó e Treporcatro.

A IV Cita coa Historia das Pontes está organizada pola Asociación Lembranza da Vila de As Pontes e o patrocinio do Concello de As Pontes.  Máis información en www.citacoahistoriaaspontes.com

Video promocional: https://www.youtube.com/watch?v=-l4u3_J2btc

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: