Museo de Pontevedra / turismopontevedra.com

Por que se ocultou un roubo no Museo de Pontevedra durante dous anos?

Tempo de lectura: 2 min.

Un cadro do autor Lino Martínez Villafínez foi subtraído do Museo de Pontevedra hai case dous anos. A peza atopábase exposta na colección do Sexto Edificio. Pero a polémica saltou estes días debido as críticas realizadas polo presidente da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez-Rey, a través das redes sociais.

A desaparición da peza foi confirmada este mércores polo propio director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, que desvelou que o roubo se rexistrou en agosto de 2015, asegurando que se presentou denuncia “inmediatamente detectada esa desaparición”. Tamén suliñou que, a continuación formulouse o pertinente parte ante a compañía de seguros que se fai cargo da póliza que asegura todo o contido do Museo.

Vázquez-Rey cualificou de “catastróficas desdichas” o que aconteceu no Museo de Pontevedra e responsabiliza da situación a “políticos e técnicos”. “Por indicación dos políticos que rexentaban o sitio, co seu mellor criterio de superioridade xerárquica, e coa colaboración dalgúns técnicos que, buscando o seu propio beneficio, sacrificaron o interese xeral e, de paso, o noso patrimonio cultural”, suliña nun blog persoal no que se pode ler toda a denuncia.

“O que teño son simples conxeturas que semellan evidencias: poidera ser que alguén aproveitara o cambio de goberno da Deputación Provincial para agochar no propio edificio, ou sacar ao exterior, unha obra de valor económico menor e pouco volume. Quizáis non haxa gravacións de seguridade, porque algunha persoa con poder suficiente, daquela, dera orde de eliminar as mesmas. E incluso, podería darse o caso de que participasen na trama de desaparición do cadro outras persoas. Actores ou actrices dispostas a representar un particular asalto cultural”, engade.

Institución “seria e rigorosa”

O museo depende da Deputación de Pontevedra, actualmente dunha área dependendete do BNG. Por iso, este mércores o actual responsable político do Museo, o deputado de Cultura, o nacionalista Xosé Leal, defendeu que esta institución é “seria e rigorosa” no seu labor científico e administrativa polo que rexeitou as acusacións de escurantismo e as teorías de “política ficción”, advertindo de que tentar manchar a imaxe do Museo con esas afirmacións desacredita a esa xente”.

Tamén Carlos Valles quixo rexeitar as críticas por falta de transparencia ante este caso, dado que a desaparición “non se ocultou”. “Fíxose exactamente o que se ten que facer nestes casos”, insistiu Carlos Valle, que presentou denuncia persoalmente ante as autoridades. “Non é unha circunstancia como para enviar unha nota de prensa”, insistiu.

Os investigadores da Policía rastrexaron as instalacións e revisaron todas as gravacións do circuíto interno de vixilancia sen obter resultados, dado que o cadro atopábase nun “ángulo morto” para a visión das cámaras. Un indicio que fai sospeitar que o roubo foi realizado por algún profesional ou por alguén que coñecía perfectamente o sistema de cámaras e vixilancia do museo.

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. Pedro di:

    Con “Amigos”así, ¿quen quere inimigos?

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: