fbpx
Foto antiga da cementeira Cosmos, moi preto da Cova Eirós / Petón do Lobo

A protección de “segunda división” da Cova Eirós e os favoritismos coa cementeira Cosmos

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia iniciou os trámites para a declaración de Cova Eirós como BIC. Non obstante, a catalogación prevista para a cova é a de monumento en vez de xacemento arqueolóxico, a diferenza doutras covas semellantes como Altamira ou Atapuerca. Unha protección de “segunda división” que denunciou xa a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo.

A cementeira Cosmos arrodea todo o xacemento da Cova de Eirós / Petón do Lobo

“Isto é debido a que a Xunta tan só recoñece como BIC as pinturas rupestres do interior da cova e da viseira”, indica esta entidade. Unha catalogación da que discrepa totalmente do previsto no Informe do Consello da Cultura Galega (CCG) que estendía a consideración de BIC ás covas Cabaxa e Graxeira como xacementos arqueolóxicos.

Favorecer a cementeira?

Por outra banda, a Xunta condiciona a protección da ladeira sur do monte Penedo, onde se localiza a cova, ata que finalicen os labores mineiras da cementeira Cosmos. Ademais só se prevé unha contorna de protección de 50 metros, en contra do criterio do CCG que era de 200 metros.

Por outra banda, existe un conxunto de 5 covas, un camiño real e o camiño francés, que estarían tamén afectados e cuxa existencia estaría a pasar desapercibida neste expediente de BIC, posto que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural disocia a cova da súa contorna, limitando por tanto a capacidade interpretativa do contexto no que se desenvolveu a vida na parroquia do Cancelo.

Este venres rematou o prazo de alegacións e diversos colectivos e distintas entidades enviaron os seus pareceres.

Pode que che interese...