Illas de San Pedro, na Coruña / todopesca.com

Que facer coas cinco illas que protexen A Coruña?

A Illa Vendaval ou Cetárea, a Illa do Pé, Aguión, As tres illas e Os Fernandiños son un conxunto de illotes coñecidas como “Illas de San Pedro” e que conforman un arquipélago situado no municipio da Coruña, na parroquia de San Pedro de Visma, ao pé do Monte de San Pedro. Os cinco illotes conforman case unha barreira natural diante do monte de San Pedro, son case chairos, moi próximos os uns aos outros, e situados a 250 metros da costa.

Alí existen restos dun peirao, de barcos afundidos e dunha gran construción e hai quen relaciona estas illas con Hércules, o faro e a orixe mesma da cidade. Tras anos dunha incerta protección, e logo de que o Concello tramitase a súa protección local, a Consellería de Medio Ambiente acaba de abrir o prazo para a participación cidadá no procedemento de declaración provisional destas illas como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Deste xeito, os colectivos, cidadáns, confrarías ou calquera persoa física ou xurídica interesada, poderán achegar as consideracións e comentarios que consideren de interese para que sexan tidos en conta neste procedemento durante un período de 20 días.

Paseo marítimo da Coruña coas illas de San Pedro, ao fondo / galipedia

O conxunto das illas suma unha extensión de 15 hectáreas (a maior conta con 4) e é unha tradicional zona de marisqueo. En 2009 o arquipélago foi declarado espazo natural de interese local de xeito provisorio durante dous anos, mais non se prorrogou. En 2016 o Concello aprobou por unanimidade o procedemento para a súa declaración definitiva.

O “interese” das illas

Por iso, agora a Xunta tamén quere aumentar esa protección. A lei define como espazos naturais protexidos aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debido á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana.

A contorna sobre a que se pretende a declaración localízase ao pé do monte de San Pedro, no concello da Coruña, e abarca o conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño. Posúe, por tanto, “destacados valores ecolóxicos, paisaxísticos e etnográficos que xustifican a proposta”, afirma a Xunta.

Ademais da súa natureza granítica e a importancia das súas especies de plantas e aves, a zona destaca polos seus valores etnográficos, entre os que se atopan os restos dunha antiga cetaria abandonada e un pequeno embarcadoiro. Por último, a contorna mariña que rodea ás illas tamén é “de gran interese pesqueiro e marisqueiro”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: