Distribución dos restos atopados en Punta Sobreira da antiga factoría de salgadura romana / Duvi
Distribución dos restos atopados en Punta Sobreira da antiga factoría de salgadura romana / Duvi

SOS para unha das grandes factorías de salgadura romana de Vigo ameazada por unha piscina privada

Dirixida polo arqueólogo da Universidade de Vigo Adolfo Fernández ao abeiro do proxecto Galtfish, acaba de comezar na parroquia viguesa de San Miguel de Oia unha actuación de urxencia para protexer e conservar a factoría de salgadura romana de Sobreira. O xacemento está ameazado de total destrución pola acción humana, pola do mar e mesmo polos furtivos que levaron material arqueolóxico.

Descuberto na década de 1950, non foi ata finais da de 1990 cando o xacemento localizado en Punta Sobreira, na parroquia viguesa de Oia, foi catalogado como vila romana. Pero, a pesar diso, construíuse unha zona deportiva privada sobre boa parte da súa extensión que inclúe unha piscina. Iso, unido ao uso do terreo como camiño de paso e á agresividade da acción mariña, foron os causantes de que o xacemento se atope na actualidade ameazado con quedar totalmente destruído.

Coa finalidade de rexistrar polo miúdo os restos arqueolóxicos conservados e, unha vez escavada a zona, restablecer o seu uso como lugar de paso protexendo os restos, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, Geaat, e Campus do Mar, baixo da dirección de Adolfo Fernández, desenvolverán ata o vindeiro luns, 5 de xuño, un traballo de escavación na zona, que completará a empresa Tomos, contratada polo Concello de Vigo, nunha segunda fase, ata o 9 de xuño, co tapado e adecuación da área como camiño de paso.

Restos moi dispertos da factoría de salgadura romana de Sobreira, na parroquia viguesa de Oia / Duvi

Coa posta en marcha do proxecto Marie Curie Salt and fish saltin in Ancient Gallecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, Galtfish, o grupo de investigación da Universidade de Vigo visitou a primavera pasada o xacemento co obxectivo de comprobar se se trataba dunha vila ou outro tipo de establecemento produtivo. “A visita non deixou lugar a dúbidas xa que un tanque de salgadura, que anos antes soportaba varios centímetros de terra, está hoxe á vista. Trátase do típico morteiro de cuarzo que estaría recuberto por un morteiro de cal, hoxe perdido. Ademais documentouse a presenza de tres muros paralelos de cachotería irregular. Por todo iso, non cabe dúbida de que se trata dunha factoría de salgadura, similar a outras documentadas nas Rías Baixas: Fiunchal, Marqués de Valladares, Praza de Compostela, Bueu, Canexol, etc…”, explica Adolfo Fernández.

A acción humana, o mar e o furtivismo: inimigos do xacemento

O uso do terreo como camiño de paso erosionou a superficie do xacemento ata a punto de que neste intre o pavimento de cuarzo cuberto por terra de finais da década de 1990 é un chanzo sobre o que as persoas que por alí pasan pisan indiscriminadamente. Mentres, no resto da zona visibilizáronse dous muros máis sobre os que a xente tamén pisa cando atravesa o camiño. “Unido á erosión e ao desgaste pola acción humana, a acción mariña foi moi agresiva durante os últimos invernos o que propiciou a perda total da fronte norte do xacemento, o máis exposto á presión da acción do mar”, explica o arqueólogo, que engade, que varios dos muros son hoxe visibles na súa fronte norte e quedan literalmente colgados sobre o mar “á espera dun novo temporal que os destrúa por completo”.

Xunto á presión humana e á do mar, as e os investigadores detectaron a posible acción de furtivos nalgúns buratos que destruíron o xacemento e que as e os arqueólogos consideran que non parecen froito da acción mariña e si de algún tipo de escavación premeditada na procura de restos arqueolóxicos.

Traballando nos restos da factoría de Salgadura de Sobreira, de Vigo, que se atopa en moi mal estado de conservación / Duvi

Detalles do proxecto de intervención arqueolóxica

A primeira fase da intervención, que desenvolverá a Universidade de Vigo con medios propios, centrarase na escavación da zona prevista e o rexistro dos restos arqueolóxicos. “En ningún caso se pretende a conservación por tempo ilimitado do xacemento fronte á acción mariña, xa que o seu custo e impacto non compensaría en ningún caso. Non obstante unha vez escavada a zona, debe restablecerse o seu uso como lugar de paso protexendo, a súa vez, os restos arqueolóxicos, fronte a factores de alteración antrópicos do mellor xeito posible asegurado a súa conservación durante o maior tempo posible”, detalla Adolfo Fernández.

O equipo da Universidade de Vigo recollerá mostras para levar a cabo datacións sobre a construción e o abandono da factoría, tamén sobre a súa estrutura e o seu uso, ademais de poder recoller a cultura material aínda conservada nos niveis arqueolóxicos existentes, evitando así que se perda a información de xeito irremediable. “A intervención consistirá nunha escavación na zona norte do xacemento, localizada entre o muro da propiedade e a fronte costeira actual, a máis afectada pola erosión mariña e accións antrópicas. A escavación realizarase ata a roca nai esgotando todos os niveis co obxectivo de realizar un rexistro total dos restos”, apunta o investigador principal do proxecto, que non descarta a aparición de máis muros ou outros restos construtivos na zona como pavimentos de opus signinum ou de mosaico, que serían conservados e tapados ao igual que o resto de estruturas.

A segunda fase da intervención, que realizará unha empresa contratada polo Concello de Vigo, contempla o tapado dos restos e a adecuación da zona como camiño de paso, cun dobre obxectivo: conseguir a conservación e mantemento dos restos arqueolóxicos durante o maior tempo posible e volver facer practicable o sendeiro de paso entre as dúas praias nas que se localiza o xacemento.

Ambas as dúas fases do proxecto contan cun orzamento aprobado de 12.000 euros con cargo ao proxecto Galtfish.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: