Réplica da Carabela La Pinta, a primeira en chegar a territorio europeo logo da descuberta de America / baiona.org

As técnicas galegas de construción de flotas mariñeiras e de guerra, declaradas BIC

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén de aprobar a resolución de incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC) as técnicas construtivas da carpintería de ribeira como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia. Moitas destas carpintarías construíron ao longo aa historia grandes flotas mariñeiras e de guerra.

A presente orde administrativa determina a inscrición preventiva destas técnicas como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a comunicación ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Réplica dun dos galeóns da Armada Invencible que Felipe II enviou contra Inglaterra

Segundo recolle a Consellería de Cultura, o procedemento recolle unha serie de medidas de salvagarda como son a creación dun órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintería de ribeira, un censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia ou a inclusión das carpinterías de ribeira de especial interese no Censo do Patrimonio Cultural e iniciativas de investigación e difusión.

Tras a publicación da resolución, ábrese un período de información pública de tres meses, contando desde o día seguinte ao da publicación da mesma no Diario Oficial de Galicia, para que quen así o desexe poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses, contados a partir da data da resolución. Toda a información relativa á mesma pode consultarse nesta ligazón.

Interese social

Ademais da súa ferramenta de traballo, a embarcación é a imaxe e o símbolo dun gran número de galegos e comunidades mariñeiras ou ribeirás, identificándose de cotío a barca tradicional co mar, as costas ou o río. Na actualidade as embarcacións tradicionais son conservadas nos portos galegos polo esforzo dos seus propietarios e grazas ás técnicas dos carpinteiros de ribeira que manteñan a súa actividade viva en Galicia.

Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

Para o impulso desta iniciativa, desde a Xunta tívose en conta a actividade ininterrompida durante máis de dúas décadas de grupos e asociacións en prol da conservación e o fomento do uso das embarcacións tradicionais e dos barcos históricos en Galicia.

Embarcacións tradicionais

Actividade principalmente manifestada tanto na celebración 12 edicións bianuais dos Encontros de embarcacións tradicionais de Galicia, que contribúen ao mantemento e navegabilidade dos barcos; como nas iniciativas de máis de 40 asociacións que se teñen materializado na recuperación de contidos, experiencias, fenómenos, lugares, técnicas e mesmo embarcacións. Todo este traballo supuxo un incremento da valoración social destas embarcacións, polo indubidable atractivo que xera a difusión da cultura marítima e a presenza destes barcos nas augas e nos portos galegos.

A capacidade técnica para a construción de embarcacións en Galicia está presente desde momentos moi antigos na historia, como as manifestacións dos petróglifos do río Vilar en Oia ou da Borna en Moaña que poden representar as primeiras embarcacións documentadas en Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: