fbpx
Recreación dunha bomba hidráulica romana / Concello de Lugo

Un carro de bombeiros da antiga Roma… En Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Este luns o Parque de Bombeiros de Lugo conxugou pasado e presente na presentación dunha bomba hidráulica inspirada na Época Romana, unha especie de carro de bombeiros da época, que se poderá ver durante o Arde Lvcvs na Castra, no Carril dos Fornos, concretamente no campamento de Caetra Lucensium, asociación encargada da súa recreación.

Dita bomba hidráulica, cuxo orixinal se atopa no Museo Arqueolóxico Nacional, trátase da ferramenta que usaban os Vigiles, os bombeiros da Época Romana, tal e como deu a coñecer Teo García, presidente de Caetra. Tamén se usaba en labores de minería.

García manifestou que o obxectivo desta recreación é render homenaxe aos bombeiros, “os gran esquecidos ata o de agora nestes festexos”, posto que había, por exemplo, lexionarios ou médicos. Nesta liña, explicou que os primeiros bombeiros eran escravos para pasar logo a ser militares.

Historia da bomba hidráulica

César Augusto creou no ano 22 d.C. as Cohortes Vigilum (Corpos de Vixiantes) composta polos Vigiles Urbani (Vixiantes da cidade), que era unha forza pública de escravos que se encargaba de realizar diferentes labores. Así, os vigiles velarían pola seguridade pública, e os incendios en todos os espazos da cidade, xa fosen públicos ou privados, ás ordes dun Vigilum Prefecto (militar ao servizo do César), e de sete Tribunos (militares con funcións políticas, elexidos polos senadores).

En canto á extinción de incendios os romanos contaban coa bomba aspirante-impelente de Ctesibio -un grego nacido na Alexandría Grega no S. III a.C., cuxo deseño mellorouse no S. I a.C por un romano, Herón de Alexandría, sendo esta entonces romana-. A bomba, a partir de aí pasou a denominarse nomba de Ctesibio-Heron.

A esta presentación asistiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e representantes de dito colectivo de recreación histórica, así como do corpo municipal de bombeiros.

Pode que che interese...