fbpx
Mapa antigo de Galicia con topónimos
Mapa antigo de Galicia con topónimos

Vicente Álvarez de Neira, compilador da historia galega e primeiro arquiveiro do Reino de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Avogado, tenente de corrixidor, ilustrado e un gran amante dos libros e dos documentos, Vicente Álvarez de Neira está considerado o primeiro arquiveiro do Reino de Galicia. E grazas a esa actividade humanística, hoxe Galicia pode gozar de documentos únicos. Unha exposición inaugurada este venres na Cidade da Cultura recolle parte do seu traballo.

Álvarez de Neira naceu en Neira de Xusá (actualmente Baralla, Lugo) o 27 de novembro do ano 1717. Exerceu de avogado (título que obtivo en 1740) na Coruña, onde promoveu a creación do Colexio de Avogados da Real Audiencia, do que foi decano en 1763. Foi avogado, entre outros, do bispo de Tui, do Cabido da Colexiata da Coruña, do deán e do Cabido de Santiago e da Xunta Xeral do Reino de Galicia, asemblea que actuaba como órgano intermedio entre as autonomías locais, representadas polas sete cidades capitais de provincia (Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, A Coruña e Tui) e o poder real.

Volumes, arquivos e documentos pertencentes ao arquivo do Antigo Reino de Galicia

Foi tamén asesor de Mariña, tenente de corrixidor da Coruña e deputado en 1764. En 1775, resultou nomeado o primeiro arquiveiro do Arquivo Xeral e Público de Galicia, en cuxas instalacións faleceu o 5 de xuño de 1784.

Propostas para celebrar o Día dos Arquivos

A exposición sobre Álvarez de Neira é unha das iniciativas coas que os arquivos de xestión autonómica celebran esta semana o Día Internacional dos Arquivos. Xornadas de portas abertas, visitas guiadas, obradoiros e conferencias son outras das propostas que se realizan nesta data para lle achegar á cidadanía os arquivos.

“Hoxe recuperamos os valores que guiaron o labor de Álvarez de Neira con esta mostra na que podemos ver algúns dos seus documentos, integrados no arquivo da familia Pita da Veiga”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de presentación.

Un conxunto de 26 documentos e varios obxectos distribuídos en seis vitrinas conforman a mostra, que se poderá ver ata o próximo 18 de setembro no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia do Gaiás. Nela realízase un breve percorrido pola biografía profesional de Vicente Álvarez de Neira, con especial incidencia na súa participación directa nalgúns feitos históricos desde a súa condición de avogado, asesor de varias institucións, tenente de corrixidor da Coruña, deputado e arquiveiro.

Guión do antigo Reino de Galicia nunha pintura da época de Carlos V

Interese pola creación dun arquivo público

Os documentos que se exhiben na mostra, e que forman parte do arquivo da familia Pita da Veiga, custodiado no Arquivo de Galicia, dan conta da atención que Álvarez de Neira mostrou pola creación dun arquivo público que conservase e dese acceso a documentos públicos que estaban en proceso de desaparecer. Tamén revelan as circunstancias nas que se explotou en exclusividade o pau de tinte de Campeche, na península de Iucatán (México); o preito que durante case 100 anos ocupa a Xunta Xeral do Reino de Galicia polo abastecemento e mantemento dunha escuadra para a defensa das costas galegas; a supervisión do proceso de expulsión dos xesuítas co Colexio de Monterrei; e a defensa do marqués de Valadares na acusación polo asasinato do seu pai.

A programación completa pode consultarse na web de Cultura, a través da Axenda de Cultura de Galicia: https://www.cultura.gal/gl/axenda

Pode que che interese...