Bandeira do Reino de Galicia no funeral de Carlos V, por Jan e Lucas van Doetecum, 1559

www.historiadegalicia.gal , un ano de vida sendo a voz da nosa historia

Máis de medio millón de visitas, case 1.000 artigos publicados e numerosos colaboradores de distintas entidades de defensa do patrimonio do país é o balance do primeiro ano de vida de www.historiadegalici.gal, un portal sobre a historia e o patrimonio de Galicia que xa se ten convertido en todo un referente neste sector.

Historia de Galicia naceu sen a pretensión de ser unha publicación científica, nin especialista sobre a historia ou o patrimonio, senón un portal divulgativo de todo o que se fai en Galicia nesta materia co obxectivo de achegar a historia á xente e concienciala da importancia de manter e protexer o legado que os nosos devanceiros nos deixaron.

Unha das finalidades de www.historiadegalicia.gal  é chamar a atención sobre os atentados que sofren os nosos bens patrimoniais e concienciar ás administracións e á sociedade galega da necesidade de mimar o que os nosos devanceiros nos legaron e que constitúe unha parte esencial para entender a nosa cultura e a nosa forma de ser como pobo. De feito, informacións que se publicaron neste portal, como a desfeita que se pretendía cometer no castro de Montealegre, en Moaña; a historia de castro Candaz, en Chantada ou a historia do xefe viquingo Ulf, o galego, foron de tal relevancia que mesmo foron recollidas por numeresoso medios de comunicación.

Non foron poucos os investigadores e entidades que se achegaron a esta web e que comezaron a colaborar nela. Así, nestes doce meses publicáronse artigos dos divulgadores e investigadores Héitor Picallo,Íñigo Riobó, Silvia Cernadas e José Antonio Gabilanes, Xosé Troiano e Elixio Vieites, de Patrimonio Galego; Miguel Losada, da Sociedade Antropolóxica Galega; Carlos Solla, do colectivo Capitán Gosende; Xabier Moure, de Patrimonio dos Ancares; Ismael López, presidente da Asociación Petón do Lobo; Alexander de los Ríos, director de Vialethes.es, Xoan Carlos Porto, coordinador de patrimoniovilagarcia.com ou Antonio Vidal, autor do blogue historiadeza.wordpress.com. Tamén colabora a filóloga Paula Teixeira no plano da corrección lingüística. O soporte técnico e de deseño corre a cargo de Pedro Telmo, de k12 Comunicación.

Novo proxecto

E como un ano de vida non é nada, www.historiadegalicia.gal acaba de poñer en marcha AMIG@S DA HISTORIA DE GALICIA, un proxecto que pretende que todos aqueles lectores deste portal ou as persoas interesadas na historia realicen actividades conxuntas a prol da historia. Así, entre as iniciativas previstas están a realización de roteiros históricos, visitas a lugares relevantes da nosa historia ou charlas e conferencias. Os interesados en recibir información e formar parte deste proxecto ou en colaborar con artigos só teñen que remitir un correo a redaccion@historiadegalicia.gal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: