fbpx
Nenos nos anos 20 do século pasado

Como eran os nenos de hai un século

Tempo de lectura: 3 min.
Como era  infancia, a mocidade e a educación entre 1915 e 1936?. A esa pregunta tentou responder a investigadora Uxía Bolaño Amigo analizando diversas cabeceiras da prensa galega e madrileña desa época. Así, mentres a prensa emitida no territorio galego olla cara Madrid no camiño cara a modernización e o progreso, a de difusión estatal torna a súa mirada cara as elites burguesas e aristocráticas de París e Londres; e a prensa galega da emigración proxecta a apertura cara unha Galicia con conciencia de si propia.
A partir do estudo desenvolvido conclúe a doutora Uxía Bolaño que as revistas analizadas pretenden transmitir “mediante as representacións que proxectan, un modelo de infancia, de primeira adolescencia e da súa educación consoante cos ideais dominantes entre a clase hexemónica burguesa, tentando cumprir un labor de reprodución social baixo modelos identitarios que trasladan nocións de xénero, clase social e de identidade nacional”.
O traballo pon en valor o labor dos medios de comunicación na construción do imaxinario colectivo da sociedade de comezos do século XX, neste caso tomando en consideración o contexto xeográfico de emisión e identificando os anhelos e desexos de parte da poboación para coa súa descendencia. Segundo informa a USC, Uxía Bolaño baseou o seu estudo na análise de variados textos e imaxes “nun conxunto significativo e relevante de revistas culturais e prensa gráfica galega, publicada tanto na Galiza territorial como na ‘outra Galiza’ presente en América debido ao amplo fenómeno migratorio, así como madrileña entre 1915 e 1936”.
A investigadora escolle os medios de comunicación obxecto de estudo conforme criterios de significación e relevancia. Entre eles, atópanse Céltiga (Bos Aires), Eco de Galicia (A Habana), Marineda (A Coruña), Vida Gallega (Vigo), La Esfera (Madrid) e Blanco y Negro (Madrid). Esta mostra permite “observar, coñecer, valorar e comparar as representacións construídas e difundidas polos sectores burgueses –con diversas manifestacións ideolóxicas- que tanto nos contextos galegos como naqueles outros madrileños, educaban a súa descendencia, achegando un mellor coñecemento e comprensión da vida social e dos horizontes desexados por parte deste segmentos sociais”.

Nenos xogando a fusilar republicanos durante a Guerra Civil / Agustí Centelles

As distintas visións

Entre os puntos de vista identificados nos medios de comunicación “prevalecen olladas que, con matices, representan a infancia ou a primeira adolescencia dende unha perspectiva que denominamos ‘tradicional e antropolóxica-relixiosa’” se ben, como especifica a doutora Bolaño “son múltiples as diferenzas existentes entre as diversas revistas, tamén condicionadas polos respectivos contextos socioculturais nos que se desenvolven”. Pon como exemplo os casos de La Esfera, publicación na que sobresaen as miradas con corte naturalista, e Céltiga, onde prevalecerían as nocións vinculadas ao modelo ‘sociolóxico-político’.
Polo que respecta ao papel da prensa galega da emigración a investigadora considéraa “chave na sedimentación de tendencias ideolóxicas, movemento políticos e culturais considerados hoxe cruciais no proceso de dinamización do territorio galego e da lexitimación da idea de Galiza como proxecto colectivo”. Nesta liña de argumentación, “é precisamente en Céltiga, onde aparece reiteradamente a idea da infancia como ‘semente do porvir galego’ sendo, polo tanto, sobre todo nos nenos, nenas e adolescentes en quen se depositan as esperanzas dos cambios socio-políticos que garantan un futuro mellor”.

Uxía Bolaño, investigadora e autora da tese doutoral

Por outra banda, a prensa madrileña examinada proxéctase tomando como referente os principios da burguesía e da aristocracia das capitais europeas e “nas escasas ocasións nas que alude a Galiza, exhibe unha representación que se re-apropia de elementos diferenciais para estereotipalos”. Tamén alude Uxía Bolaño á posta en escena dunha “representación identitaria que conxuga aínda os tópicos de xénero e de clase social e que tamén pode evidenciarse nos medios da Galiza territorial”.

“Distinción social”
En todo caso, as mensaxes ligadas á idea de “distinción social”, atravesadas á súa vez polos “ideais cívico-burgueses de urbanidade e de consumo son comúns a todos os medios avaliados, se ben o seu despunte é maior na prensa madrileña e na galega territorial”, engade a investigadora. “Igualmente todas as revistas reproducen moi marcadamente os trazos de xénero propios da sociedade patriarcal na que se insiren”.
Este traballo de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaliente cum laude e dirixírono o profesor da USC Antón Costa Rico e a profesora da Universidade de Alcalá, María del Mar del Pozo. O tribunal encargado da súa avaliación conformárono a profesora da Universidade das Illes Balears Francisca Comas Rubí, o profesor da Universidade de Macerata (Italia) Juri Meda e o profesor da USC Eugenio Otero Urtaza.

Pode que che interese...