Recreación dunha batalla entre romanos e britanos / arrecaballo.es

Como foi a conquista romana da Gallaecia

Que se sabe da conquista romana da Gallaecia? Como afectou a ocupación romana ás comunidades que poboaban estas terras? Foi pacífica ou foi violenta?… Ata hai ben pouco non se sabía se a antiga Gallecia fixera fronte ao invasor romano durante anos. O único que se sabía dun gran asedio era a lenda do Monte Medulio, no que os galegos preferiron envelenarse antes que caer en poder de Roma. Iso…e pouco máis.

Pero nos últimos anos produciuse un enorme salto cualitativo e cuantitativo na arqueoloxía militar romana da área noroccidental da península ibérica que mellorou os coñecementos dispoñibles sobre as Guerras Ástur-Cántabras. Unhas guerras que ben se poderían denominar Gallaico-ástur-cántabras debido, xa, as numerosas evidencias atopadas.

Tamén aumentou a bagaxe de coñecementos relativos ás comunidades indíxenas e ás transformacións que as poboacións locais viviron como resultado da extensión do Imperio romano. E todo iso, achega día a día, novos datos sobre os que asentar interpretacións máis ricas sobre os procesos de ocupación e integración destas sociedades por parte do Imperio romano.

Vista do Alto do Circo, en Verin / Romanarmy

Novas interpretacións

De feito, o descubrimento e a investigación de campamentos romanos no noroeste da antiga Hispania están a deparar aos poucos novidades acerca do proceso de romanización desta zona da península. En concreto, o achado nesta década dos campamentos da Recacha e A Granda das Xarras (no límite entre Lugo, León e Asturias/Navia-Candín e Ibias), de Cortiña dos Mouros (entre Cervantes e Balboa) e da Serra da Casiña (Balboa) está a modificar a interpretación que ata hai uns anos se tiña do proceso de romanización de Galicia.

“Está a cambiar a maneira de entender este proceso histórico. Sabemos que a finais dous oitenta e inicios dos 90 tiñamos localizados no noroeste ata 11 campamentos romanos, pero agora xa sabemos de 60, dos cales 32 xa foron catalogados por Romanarmy”, explica o historiador José Manuel Costa García na web Romanarmy. Esta é un proxecto impulsado por un equipo de investigadores de España e Portugal que traballa no estudo da presenza militar romana no noroeste da Península Ibérica.

As dimensións e sistemas de ocupación dos diferentes campamentos romanos mostran as evidencias de que se empregaban para diferentes usos. Estes podían ser desde fortificaciones temporais, castra aestiva -como a da Serra da Casiña, con case 7.000 lexionarios-, ou os castellum, de menos hectáreas, que servían de puntos de control, como o recentemente atopado en Verín. Uns achados que cambian, por completo, a imaxe que se tiña da invasión romana.

E o certo é que as coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, entre os anos 28 e 19 a.C., foron estudadas durante anos sen ter en conta o protagonismo que tiveron os asentamentos dos Ancares ou os recentes achados de RomanArmy.

Esta nova visión da conquista romana do Noroeste sostense na análise en conxunto de case vinte novos sitios arqueolóxicos dos que algúns foron publicados polos membros do equipo ao longo dos últimos anos. A maior parte destes xacementos foron localizados a través do uso de novas tecnoloxías que están a revolucionar o coñecemento arqueolóxico nos últimos anos. Fotografía aérea histórica e actual, sistemas de información xeográfica a partir de bases de datos ou modelos dixitais do terreo a través de datos LIDAR son algunhas das técnicas empregadas.

Os datos obtidos complementan ou amplían a información sobre as operacións militares romanas sobre o territorio de Galicia, Asturias, Cantabria e a Meseta Norte máis alá do ata agora coñecido pola arqueoloxía ou do que contan as fontes históricas romanas que chegaron ata nós.

Situación de dous posibles campamentos romanos e, sobreimpresionada, a depresión meridiana / romanarmy.eu

Novos campamentos romanos en Gallaecia

Na investigación presentáronse novos campamentos romanos vinculados ao movemento de tropas na Galicia actual ou nas súas inmediacións. O achado é moi importante porque ata agora se descoñecía como fora o proceso de penetración do exército romano en Gallaecia durante a conquista. Os dous únicos fortes romanos escavados e localizados ata agora na Galicia actual, A Cidadela en Sobrado dos Monxes (A Coruña) e Aquae Querquennae en Bande (Ourense), son de época ben posterior ao proceso de conquista.

Cinco dos novos campamentos localizados parecen conformar unha vía de penetración militar no territorio. Un está localizado en Valboa, en Vilafranca do Bierzo, nas portas da vía de acceso natural a Galicia. Tres están situados na Cha de Santa Marta, entre Sarria e Láncara, unha planicie á saída das montañas orientais galegas e que os investigadores identifican como unha posible base loxística romana na que se agruparían e prepararían as tropas antes de entrar no territorio.

Dous destes recintos foran identificados previamente, pero non publicados, por Luís López, da empresa Terra Arqueos. Outro campamento inédito atópase ao carón dun paso natural do Miño, no Monte dos Trollos (O Páramo). A xeito hipotético, os investigadores sinalan a posibilidade de que os campamentos estean indicando un roteiro natural de penetración no territorio galaico ou de flanqueo das montañas ástures occidentais.

A maiores, os investigadores presentaron dous campamentos novos de grandes dimensións na zona occidental de Galicia. O recinto de Campos, ubicado no concello de Vilanova da Cerveira (Portugal), na ribeira sur do río Miño, e o de Cornado (Negreira), que é ata o momento o campamento máis occidental do continente europeo. Estes dous campamentos poderían estar vinculados a unha importante vía de comunicación natural que artella o occidente galego: a Depresión Meridiana. Ademais destes recintos, os investigadores están estudando xa outros posibles emprazamentos defensivos que poderían ter a súa orixe na época romana e que se atopan en puntos destacados da xeografía galega.

A ubicación nun dos posibles campamentos romanos sobre a depresión meridiana / romanarmy.eu

Diferentes escenarios

A historiografía tradicional e a investigación tiñan identificado diferentes escenarios bélicos das Guerras Cántabras en Asturias oriental e Cantabria, pero os datos actuais amosan a existencia dunha nova fronte bélica, ou alomenos unha nova vía de penetración, entre as montañas orientais luguesas e a costa occidental asturiana. Alí apareceron tres novos castra aestiva (campamentos de campaña) en altas cotas de montaña. Esta fronte non aparece claramente relatada nas fontes romanas.

O equipo de investigadores está conformado por José Costa (Universidade de Santiago de Compostela), Andrés Menéndez Blanco (Universidad de Oviedo), David González Álvarez (Universidad Complutense de Madrid), Manuel Gago Mariño (Universidade de Santiago), Joao Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC) e Rebeca Blanco-Rotea (Universidade de Santiago).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: