Cortalumes, camiños e outras agresións no Castro das Goritas, na ría de Arousa

Rodeiras profundas de motos no cortalumes feito no camiño.

O castro das Goritas, incluído no catalogo de Bens Arqueolóxicos do PXOM do concello de Boiro do ano 2003, e con código GA15011005, sufriu unha agresión na súa contorna  ao ser aberto pola súa banda sur un cortalumes con maquinaria pesada para sufocar un incendio que se estendía pola zona do lugar arqueolóxico no ano 2014. Os veciños da parroquia de Santa María do Castro alertaron das agresións sufridas, e que a día de hoxe aínda se poden observar nas pendentes do camiño que sobe cerca da zona da súa acrópole.

Nos incendios forestais,  debido a urxencia das labores de extinción, non se ten o coidado necesario na zona da área de respecto dos xacementos inventariados por Patrimonio. Isto mesmo ocorreu no castro da Xaiba, tamén chamado Castrogudín, entre os concellos de Vilagarcía e Caldas de Reis, onde a maquinaria cortou no 8 de agosto de 2016 dúas murallas de terra e cachote que conforman as defensas do castro. 

O aspecto máis negativo destas intervencións e que cando quedan abertas estas trincheiras, pasado o tempo, son utilizadas por algúns afeccionados ás motos de monte e quads, quizá descoñecedores da importancia histórica do lugar, para usalos como itinerarios das súas rutas, como parece ocorrer nos dous casos citados. 

Perpiaños na acrópole do recinto.

O propietario do castro das Goritas, afeccionado a arqueoloxía púxose en contacto con este portal para denunciar esta agresión. E alí marchamos para saber o que acontecía. Puidemos observar grande cantidade de cerámica en superficie e unha boa cantidade de grandes perpiaños e pedras miúdas que se desprenderon ao abrir o cortalumes cortando o terraplén da primeira defensa, ampliando o camiño existente polo sur, e pola cal actualmente se ven fondas rodeiras de motos.

 Pola configuración do recinto pódese intuír a semellanza coas características propias  dunha atalaia ou pequena torre de vixilancia que tería os seus alicerces na pequena e elevada acrópole duns 15 m. de diámetro, onde se ven anacos de tellas e están asentados uns grandes perpiaños,  moitos deles con sinais de regularización. 

Lidar cedido polo IGN e o IET ( Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia)

Nos planos lidar e de pendentes faise patente a existencia dun espazo aterrazado entre dous terrapléns que configuran un lugar elevado de forma cónica onde podería estar a atalaia. 

A microtoponimia de “Gorita” fai alusión a este de tipo de construcións erixidas para a vixilancia da contorna, pois dende este lugar a visión e moi ampla por todas as súas bandas, sobre todo as que dan cara o mar. 

O Castro das Goritas no catálogo do PXOM de Boiro (páxina 11 do pdf) .

En patrimoniogalego.net  .

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: