Reconstrución dun neandertal e dun homo sapiens / NRC

Cova Eirós: Como entender a vida dos Neandertais e dos Homos sapiens na Península

O carácter nodal do Noroeste durante o Paleolítico, emprazado entre os territorios da Cornixa Cantábrica e os da Fachada Atlántica, é fundamental para entender esta época da Prehistoria na Península e a súa relación cos territorios do sur. De feito, a cultura material, fluxos de materias primas, arte moble e rupestre testemuñan os contactos entre as devanditas rexións. E nestes contactos tivo moito que ver a Cova Eirós.

Disto, precisamente, se está falando estes días en Triacastela nas Xornadas sobre o Paleolítico do Noroeste. Nesta ocasión, a temática das conferencias xira arredor de dúas cuestións relevantes para o caso de Cova Eirós como son a transición Paleolítico medio/superior e a comparativa entre os modos de vida dos Neandertais e dos Homo sapiens e a arte rupestre cantábrica, con especial fincapé na das últimas sociedades do Paleolítico, na que se insiren as manifestacións gráficas de Eirós.

A Cova Eirós, sita na parroquia de San Cristovo de Cancelo, aglutina un xacemento paleontolóxico de grande interese ao que cómpre engadir a localización da arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida en Galicia.

Restos atopados na Cova Eirós / USC

Nestas xornadas participan prestixiosos investigadores e personalidades do equipo que desenvolve a campaña de escavación arqueolóxica na Cova Eirós e o estudo dos achados. A dirección da xornada corre a cargo de Ramón Fábregas Valcarce, Xosé Pedro Rodríguez Álvarez e Arturo de Lombera Hermida.

As xornadas están impulsadas ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel, integrado por 13 concellos e que realiza accións para a divulgación e promoción do patrimonio, tales como estas xornadas sobre a Cova Eirós. Nos traballos de investigación toma tamén parte o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.

Traballos na Cova de Eirós / Asociación Cultural do Iribio

Novos estudos en Cova Eirós

Na inauguración da xornada, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciou que impulsará unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no xacemento cunha achega económica de 30.000 euros que servirá para financiar todos os traballos conveniados. As intervencións neste xacemento están incluídas no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dentro do obxectivo operativo Conservar o patrimonio cultural galego.

Con esta nova intervención dáse continuidade aos estudos realizados no bienio 2015/16, que contaron co apoio do departamento de Cultura da Xunta de Galicia e foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: