Dorna xeiteira navegando pola ría / astillerosgarrido.com

Embarcacións de orixe viquinga volven remontar o Ulla para tomar Padron

Embarcacións tradicionais de todo o país celebran este luns 24 a remontada polo Ulla e o Sar ata Padrón en homenaxe a Rosalía. É a quinta edición desta remontada organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, na que participan unhas 14 dornas da Arousa, unha buceta de Muros, un bote de Marín, unha gamela de Cangas e un carocho do Miño.

A dorna é unha embarcación de pesca típica das Rías Baixas de aproximadamente 4,60 metros de eslora e 1,50 metros de manga que pode levar ata tres tripulantes. Segundo diversos estudos, realizados entre outros polo sueco Staffan Mörling sobre as dornas do Mar de Ons ou polo galego Xaquín Lorenzo na ría de Arousa, este tipo de embarcación podería ter unha procedencia viquinga, debido ás similitudes formais e de construción cos drakkar dos viquingos.

Dornas remontando o río Ulla cara a Padrón / culturmar.org

Ruta dos ataques viquingos a Compostela

“Que inchadiña branca vela” é o nome desta actividade que tenta ser unha homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. Por iso, unhas catorce dornas procedentes do Grove, Cambados e a Illa de Arousa subirán desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe á poetisa diante da súa estatua no Espolón de Padrón. Este percorrido foi moi habitual durante as razzias viquingas na Illa de Arousa para atacar Compostela.

Nesta ocasión, e a a diferencia doutras edicións, por primeira vez, participarán tamén outras embarcacións tradicionais de todo o país: unha buceta de Muros, unha gamela de Cangas, un bote de Marín e un carocho (embarcación típica do río Miño) de Bouzas. Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa:

¡Que inchadiña branca vela

antre os millos corre soa,

misteriosa pura estrela!

Dille o vento en torno dela:

«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»

Programación

16:00 h. Saída das embarcacións tradicionais da praia fluvial de Vilarello (Cordeiro – Valga). Navegación fluvial a vela remontando o Ulla cara ao Sar.

17:30 h (aprox). Arribada ao Espolón e flamexar de velas diante da estatua de Rosalía.

Recepción do Concello no Espolón.

Música tradicional.

Ofrenda floral diante da estatua.

Homenaxe á Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa da Arousa, que recibirá o seu director, Salvador Allo

Ademais, este ano as embarcacións quedarán expostas na Praza da Leña de Padrón, ao outro lado do río desde o Espolón, durante un día.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: