fbpx
Un M. Farman MF-7, o avión no que foi ferido Manuel Barreiro Álvarez, o primeiro piloto de guerra en ser ferido en acto de combate / wikipedia

Manuel Barreiro, o primeiro piloto de guerra ferido na Guerra de África

Tempo de lectura: 3 min.

Naceu nunha época de inventos e de industrialización. Unha época que pasou do carro e do arado romano a submarinos, avións ou teledirixibles. E Manuel Barreiro Álvarez, un baionés inquedo, non quixo perder esa onda de modernismo que pasaba pola súa fiestra. Así que como bo aventureiro meteuse a aviador para saber como se vía a terra desde o ceo, e esa aventura levouno a África. Alí, dez anos despois do primeiro voo dos Wright, Manuel caería ferido tras unha incursión ás posicións dos rifeños no norte de África. Era o primeiro piloto de guerra ferido da historia da aviación en España.

Manuel Barreiro Álvarez naceu en Baiona o 23 de outubro de 1880, na casa que hoxe ocupa o Hotel Pinzón. Enxeñeiro militar, incorpórase en 1913 ao servizo da aeronáutica militar e realiza o seu primeiro voo nun biplano Maurice Farman. O 6 de outubro é nomeado aviador militar de 2ª categoría sendo destinado á escuadrilla do capitán Alfredo Kindelán para participar na Guerra de Marrocos.

O 19 de novembro de 1913, xunto ao seu compañeiro, o capitán Ríos, sobrevoaban o monte Cónico para facer un voo de recoñecemento cando tiveron que descender, momento no cal recibiron varios disparos sobre o avión, sendo Barreiro gravemente ferido no peito. Os aviadores foron extraídos do aparello en estado grave. Un telegrama do Rey Alfonso XIII ascendía a ambos e uns días despois abriuse o expediente para a concesión da Cruz Laureada de San Fernando.

Foron os primeiros aviadores militares feridos en combate e recibiron a primeira Cruz Laureada de San Fernando que entregou a Aviación Española. Manuel Barreiro Álvarez, que voou só dez anos despois do primeiro voo controlado dos irmáns Wright, faleceu na súa casa natal de Baiona o 13 de xullo de 1940.

Estado no que quedou o M. Farman MF-7 no que viaxaba o aviador Manuel Barreiro tras ser tiroteado por forzas rifeñas en 1913 durante a Guerra de África

Recoñecemento

E, agora, máis de 100 anos despois, unha pequena parte desa historia regresará a vindeira semana á súa vila natal. O Instituto Español de Historia e Cultura Aeronáutica comunicoulle ao Concello de Baiona a cesión de documentos nos que se narra o feito histórico protagonizado polo capitán de enxeñeiros en 1913 durante a Guerra de Marrocos.

Unha fotografía do biplano no que aterrou no aeródromo de Sania Ramel, unha imaxe do capitán, o telegrama dirixido a superioridade dando parte do incidente e a orde do capitán Kindelán, xefe da primeira escuadrilla expedicionaria, pola que se ordena o recoñecemento do monte Cónico. Estes son os documentos entregados ao Concello nun acto que se celebrará no auditorio da Casa-Museo da Navegación.

Con tal motivo, o museo baionés abrirá unha sección adicada a persoeiros nados na Vila. A directora da Casa da Navegación, Rosa Vilar, e a concelleira de Cultura, María Iglesias, acordaron crear unha galería na que todos os veciños “poidan coñecer feitos históricos que protagonizaron ilustres veciños de Baiona”.

“Manuel Barreiro xa foi nomeado no ano 2013 fillo adoptivo a título póstumo e temos o deber de dar a coñecer entre os baioneses a súa historia, por iso creemos que a cesión dos documentos é o momento adecuado para abrir unha fiestra que recoñeza o seu papel e os de moitos outros protagonistas da nosa historia”, apuntou María Iglesias.

Pode que che interese...