fbpx
Detalle dun dos muros do ábside de Santa María de Donas / Galipedia

Novo lavado de cara a Vilar de Donas, o mosteiro das grandes pinturas góticas galegas

Tempo de lectura: 2 min.

A Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, parroquia do concello lugués de Palas de Rei, garda as mellores pinturas murais góticas de Galicia. Precisamente, son tan importantes estas pinturas, que mesmo lle dan nome ao templo declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1931.

Orixinariamente foi unha igrexa monástica. A fundación do mosteiro atribúeo a tradición a unhas donas, co que se explicaría o topónimo, aínda que, realmente, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII.

A capela maior decórase con pinturas góticas de tempos do rei Xoán II. No brazo norte do cruceiro destaca un baldaquino en pedra e un retablo tamén en pedra que representa a Misa de San Gregorio. No interior atópanse os sepulcros de Fernán Ares Noguerol, de 1378, o de Santiago Pérez de Ulloa, cabaleiro da Orde de Santiago falecido no ano 1410

Exterior da Igrexa de Santa María de Donas / xunta.gal

Dada a importancia deste conxunto artístico, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitou este martes no Diario Oficial de Galicia o contrato para a execución de traballos de restauración nesta igrexa.

As actuacións contan un orzamento de licitación de 181.500 euros, teñen carácter plurianual e suporán a recuperación da pintura mural da ábsida e a aplicación de tratamentos biocidas nos paramentos interiores.

Restauración do conxunto mural

Na ábsida procederase á restauración do conxunto mural policromado, excepto a zona restaurada da epístola. En canto á intervención nos paramentos interiores, inclúe un estudo da colonización biolóxica, aplicando tratamentos biocidas por toda a superficie -nave, cruceiro e capelas ou absidiolos- que se amosan afectados.

Con esta intervención a Consellería dá continuidade á primeira fase de recuperación das pinturas, rematada hai algo máis dun ano. As empresas interesadas en optar ao contrato teñen un prazo de 15 días para presentar as ofertas. Unha vez adxudicada, o prazo de execución previsto para os traballos é de 9 meses, incluíndo a redacción do proxecto de intervención.

Pode que che interese...