O dictador Francisco Franco nun cadro

O Pazo de Meirás pode converterse nun Valle de los Caídos para exaltar a “grandeza” do franquismo

A Fundación Francisco Franco quere converter o Pazo de Meirás nunha especie de museo que exalte a “grandeza” do franquismo.  Un lugar que, de prosperar esta idea podería chegar a ser coma o Valle de los Caídos, con peregrinacións de nostálxicos do ditador. Así o comunicou esta institución logo de que a familia Franco decidise que sexa este organismo o encargado de xestionar as visitas ao edificio, un pazo que foi expropiado e regalado despois á familia do ditador.

Nun comunicado, a Fundación di que recibiu “como unha honra” a decisión de xestionar as visitas ao Pazo porque é “unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco, para potenciar o turismo a Galicia e para difundir o patrimonio galego no mundo”.

A Fundación lembra que “Galicia conta cun importantísimo patrimonio cultural que engadir aos que xa tiña” por ter a “residencia non oficial máis importante na que viviu Franco“, que “está chea de recordos da súa vida e da súa obra”. “O Pazo é hoxe un dos lugares emblemáticos de Galicia, coñecido en todo o mundo, e sobre el recae parte da gloria de quen o habitou, probablemente o español de maior relevo mundial desde Felipe II”, asegura.

Ademais, esta institución critica os grupos de esquerda na Cámara galega, En Marea, PSdeG e o BNG, polas súas críticas a que sexa a Fundación Franco a que se encargue das visitas. De feito vai máis alá e equipara esta situación cos meses previos ao inicio da Guerra Civil. “O incumprimento da lei, como se viu na II República coa fraude electoral da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, si ten consecuencias sobre todos os españois”, advirte.

Ademais di que coas súas críticas a esquerda o que quere é “desgastar o PP ao ameazalo: se cumpre a lei é fascista”. “Un conto de nenos que, a pesar de repetirse en numerosas ocasións, non perdeu eficacia”, sinala.

“Pararlle os pés” a esta fundación

Este comunicado xa tivo resposta por parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) que pediu o amparo das institucións galegas para “pararlle os pés” aos “negacionistas do fascismo”. Por iso, pídelle á Camara que emitan unha “condena firme do negacionismo que protexe os ilexítimos intereses da familia Franco en Meirás, encabezado pola Fundación Francisco Franco”.

“Non é tempo de ser inxenuos ou pusilánimes diante de manifestacións como as da Fundación Franco. Non hai nada de inxenuo nese relato que converte os verdugos en vítimas e que pretende crear un clima social de malestar”, critica.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: