Castelo de Sobroso / Youtube

O segundo renacer do castelo de Sobroso, no que coroaron a grandes reis de Galicia

Fogar de grandes nobres galegos. Por el pasaron os e as monarcas máis importantes do Reino de Galicia e dise que resistiu asedios de normandos e de irmandiños. O castelo de Sobroso, en Vilasobroso (Mondariz), domina desde o alto da Pena do outeiro de Landín, todo o val do Condado ata a fronteira de Portugal.

Existiu no seu lugar un castro prerromano. As orixes do castelo remóntanse posiblemente á época da expansión cristiá cara ao sur da península ibérica, pero a primeira referencia sobre o castelo non chega ata o século X cando o rei Bermudo II se refuxia na fortaleza durante a batalla de Portela Arenaria, en Vilasobroso, no ano de 983 entre os seus partidarios e as tropas de Ramiro III, rei de León.

No ano 1095 os reis de Galicia, dona Urraca e Raimundo de Borgoña, concédenlle o señorío de Sobroso ao bispo de Tui, Aderico. A histórica vila onde se localiza o castelo aparece por primeira vez documentalmente citada baixo o título de Villa de San Martini de Portela subcastelo de Suveroso no ano 1170 nunha escritura de doazón Real de Fernando II de León ao bispo de Tui.

Castelo de Sobroso / Galipedia

Polas súas estancias pasou a raíña Urraca, o seu fillo o rei Afonso VII (que foi coroado rei neste castelo), e os Sobroso, familia propietaria do castelo, emparentados co rei Afonso IX. Tamén aquí se celebrou a voda do rei de Portugal, Dinís I, con Isabel, filla de Pedro III de Aragón, máis tarde canonizada como santa Isabel de Portugal.

As páxinas máis relevantes da súa historia tiveron lugar nos séculos XV e XVI, coas familias Sarmiento e Soutomaior. Tamén as revoltas irmandiñas tiveron neste castelo un destacado protagonismo. Tras sufocarse a revolta, Diego García Sarmiento reconstrúe o castelo pero pouco despois Pedro Madruga apoderouse de Sobroso, e perdeuno durante o seu cativerio en Benavente (1477-1478). Unha vez libre, tratou infrutuosamente de recuperalo con 5.000 infantes e 1.000 cabaleiros, polo que levantou o veciño castelo da Picaraña.

Os Reis Católicos ordenaron o seu derrubmento dúas veces en 1481 e 1486, pero este non se levou a cabo e a fortaleza pasou a mans dos Sarmiento, señores de Sobroso e Salvaterra. Foi perdendo paulatinamente o seu papel defensivo, que foi seguido dun período de douscentos anos de abandono e progresiva ruína.

Posta en valor

E, precisamente, toda esa historia está sendo posta en valor tras a sinatura por parte da Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas dun convenio dotado de 384.000 € para conservar e manter o Castelo de Sobroso. Este convenio, xunto ás actuacións que a Deputación vai realizar este verán no Bosque Atlántico do recinto, suporán un investimento total de 524.000 € durante o 2017.

As obras de conservación e mantemento que se van realizar neste recinto histórico, segundo adiantou Silva, son previas ao proxecto de musealización a través do cal se vai converter o Castelo de Sobroso nun centro cultural e natural que permitirá aos visitantes coñecer a historia do recinto pero tamén o Bosque Atlántico que se atopa ao seu carón.

A senda circular polo Bosque Atlántico incluirá seis paneis tecnolóxicos con contidos en inglés, castelán e galego elaborados por especialistas no Bosque Atlántico, integrado por especies como os carballos, castiñeiros, sobreiras, camelias, cipreses e árbores froiteiras.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: