Monte Pindo desde o miradoiro do Ézaro / turismodegalicia.gal

O suposto terremoto que cambiou a fervenza do río Xallas e creou os grandes megalitos do Monte Pindo

No ano 1875 Ramón Barros Silvelo publicou a súa obra Antigüedades de Galicia que viría a converterse nun tratado sobre as incipientes -e precarias- investigacións arqueolóxicas daquela altura en Galicia. Nesta obra falou do Monte Pindo, e do famoso Medallón das Sete Pitas aparecido nunha excavación no Monte Pindo. Pero tamén falou de feitos estraordinarios que terían modificado o Monte Pindo por completo.

Así, Barros Silvelo asegurou que a orixe dos grandes megalitos da comarca ten que ver coa dun terríbel terremoto que azoutou o Monte Pindo no ano 1217 ou 1272 (segundo a fonte) causando as curiosas formas graníticas do espazo e desviando o río Xallas, que pasou de verter na praia de Carnota a facelo na súa espectacular desembocadura actual no Coaduiro. Esta lendaria catástrofe natural, inverosímil desde o punto de vista xeolóxico segundo os expertos, acadou tanta forza que La Voz de Galicia relatouna en 1885 coma un feito verídico, Manuel Murguía referiuna na súa Historia de Galicia, ao igual que Camilo José Cela na obra Madera de Boj.

Monte Pindo / galiceando.com

Barros Silvelo tamén fixo unha descrición da Torre Fiel (Castelo de Penafiel) e deixou para a historia outro elemento moito máis ignoto: un dolmen debuxado con todo luxo de detalles. Este monumento é todo un segredo, xunto co supostos petróglifos na Laxe da Moa que algúns testigos aseguran ter visto, mais que ninguén conseguiu localizar nin sinalar. Ramón Barros nomeouno como “Dolmen de la vertiente oriental del monte Pindo”.

Dolmen e romanos

Porén no texto que acompaña a ilustración sitúa este elemento nun punto bastante distante do Olimpo Celta mesmo para os nosos días, nada máis e nada menos que en Colúns, a unhas dúas horas e media a pe por vías modernas. O autor, facendo referencia á hipótese de que os dolmens en realidade puidesen servir a función de aras sacrificiais, describe o megalito deste xeito:

«Más propio para el uso de los sacrificios, es el [dolmen] de las inmediaciones del antiguo Claudionerium -Coluns,- en las avenidas del monte Pindo, por mas que en el completo trastorno que alguna catástrofe parcial produjo en aquella peñascosa ladera, sea dificil aseverar, si se debe á la ciega casualidad, ó á la creencia religiosa del druida. La estension de la plancha derecha superpuesta, mide un metro siete decímetros; la jamba derecha seis decímetros y cinco escasos la opuesta.» Ramón Barros Silvelo, Antigüedades de Galicia (1875)

Colúns é unha localidade do Concello de Mazaricos á cal certos historiadores quixeron dar certa relevancia na nosa cronoloxía, habendo quen incluso se atreveu a situar nel o Claudionerium romano que outras voces situaron en Brandomil, tamén identificada á veces coa mansio Grandimirum da via XX do Itinerario de Antonino. “Descoñecemos se existe outra memoria ou referencia da existencia dun dolmen neste lugar ou o seu destino, e nese caso agradecemos calquera información que nos axude a seguir aclarando a historia deste megalito”, apuntan desde Monte Pindo Parque Natural.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: