fbpx
O coñecido como Forno da Santa, en Santa Mariña de Augas Santas, Allariz / http://karkallon.blogspot.com.es

Os cultos de Santa Mariña de Augas Santas, a Valga Romana ou as terras de Domingo Fontán, ao descuberto

Tempo de lectura: 4 min.

Os cultos de Santa Mariña de Augas Santas, a Valga romana, ou as terras e experiencias do xeógrafo Domingo Fontán, a fotógrafa Ruth Matilda Anderson, o musicólogo Alan Lomax ou do folclorista Casto Sampedro son o fío condutor dalgunhas das andainas do ciclo ‘Monumenta’.

A quinta edición do ciclo ‘Monumenta. Andar con arte’ tentará este ano descubrir e vivir o patrimonio cultural galego. Será nas fins de semana do 5 ao 27 de agosto, cando Monumenta se achegue aos concellos de Santiago de Compostela, de Allariz, de Chantada, de Valga, de Mondoñedo, de Camariñas, de Redondela e de Nogueira de Ramuín a través do seu patrimonio arquitectónico, natural, arqueolóxico e paisaxístico. A figura do afiador dos Peares, a paisaxe sonora mindoniense, os morcegos da igrexa de Santa María de Pesqueiras, o xacemento de Mercado dos Mouro e os miradoiros de Camelle son algúns dos atractivos para a participación nas xornadas do ciclo, para o que se precisa inscrición previa na web https://monumentagalicia.com

A nova edición do ciclo, promovido pola Consellería de Cultura baixo a coordinación de Julio Gómez, aposta pola descuberta do patrimonio cultural galego a través da camiñada compartida con especialistas en diferentes materias. Trátase, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, dun “programa que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio”. “Pero non é simplemente iso –engadiu–, senón que nos convida a afondar, mentres andamos, no coñecemento arredor de temáticas diversas que motivan cada percorrido”.

“A quinta edición de Monumenta –sinalou– está tecida con numerosos fíos moi interesantes dos que poderemos ir tirando en cada andaina, grazas á propia riqueza visual do patrimonio e aos saberes que nos vaian transmitindo os distintos expertos que nos van acompañar”, entre eles, o xeógrafo Juan López, o cartógrafo Manuel Anxo Freire, a restauradora Marta Becerro, o historiador Santiago Chenlo, a artista plástica Carmen Hermo, o antropólogo Manuel Vilar, o campaneiro Valentín Insua e o fotógrafo Anxo Cabada.

Seguindo a traxectoria de Fontán na capital galega

Na edición deste ano, boa parte das camiñadas programadas no ciclo seguen itinerarios xa andados previamente por figuras singulares, tanto de Galicia como de orixe foránea. A primeira delas, “Dous séculos do rostro de Galicia”, que arranca desde o Museo do Pobo Galego –onde Anxo Lorenzo e Julio Gómez presentaron esta mañá o ciclo–, segue os pasos do xeógrafo galego Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico científico do territorio de Galicia. Os participantes na camiñada terán ocasión de ir descubrindo distintas vertentes da súa vida e do seu traballo a través de lugares clave da vida e da obra do ilustrado galego, como o Panteón de Galegos Ilustres, a Facultade de Xeografía e Historia, a Praza da Quintana, o Colexio de San Xerome ou o Claustro de Fonseca.

Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas

Outras sete andainas, con características e niveis de dificultade diversos, completan a programación de Monumenta. “Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas” é o título da segunda xornada, o día 6 de agosto, que xirará arredor desta igrexa de Allariz. O templo constitúe un centro cultural desde hai máis de 2000 anos, no que conflúen os restos arqueolóxicos e históricos, a toponimia e a memoria oral dos veciños.

A parada o 12 de agosto será na igrexa de Santa María de Pesqueiras de Chantada, para descubrir un exemplo de conservación compartida entre o patrimonio cultural e o patrimonio natural, ao protexerse neste templo sen culto centos de morcegos de maneira controlada.

Ara adicada a Saturno na Igrexa dos Mártores, en Valga / Elixio Vieites

A Valga romana

Ao día seguinte, o 13 de agosto, celebrarase a andaina “A Valga romana”, para viaxar ata a época romana desde os últimos achados arqueolóxicos. As augas do Ulla, os xacementos de Mercado dos Mouros e de Igrexa Vella serán as principais testemuñas para amosar unha visión única deste territorio.

Escoitando as Terras de Miranda

O 19 de agosto, Monumenta chegará a Mondoñedo coa xornada “Escoitando as Terras de Miranda”, para coñecer o legado inmaterial do concello lucense a través da súa paisaxe sonoro-cultural, mentres que a sesión do día 20 transcorrerá “Pola Costa da Morte con Ruth Matilda Anderson e Manfred Gnädinger” en Camelle, Camariñas. O ciclo realizará alí unha viaxe no tempo pola paisaxe natural e cultural da zona seguindo a estela da fotógrafa norteamericana e do artista alemán.

Tras os pasos de Casto Sampedro

En Redondela, o 26 de agosto, serán os pasos do folclorista e investigador Casto Sampedro os que guíen a nova xornada de Monumenta. O percorrido polas rúas de Redondela, que incluirá un repaso polo labor de recollida dos saberes mariñeiros de Sampedro, rematará na illa de San Simón, corazón do mar de Vigo.

Alan Lomax e os afiadores dos Peares

A sesión de clausura terá lugar en Nogueira de Ramuín o 27 de agosto. Monumenta despedirá a súa quinta edición no contorno monumental do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, cunha andaina dedicada á figura do afiador. A relación entre a súa roda nómade e a música propiciou un rexistro histórico: a gravación que lle fixo en 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax a Xosé María Rodríguez, capador e afiador de Nogueira, unha melodía que mesmo chegaría a recrear o mítico trompetista Miles Davis.

Con este ciclo de andainas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achégalle á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e de sentir o patrimonio cultural, relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística. Para iso, propón, por unha banda, achegarse ao patrimonio a pé, devagar e con respecto, e, por outra, abrir camiños para que esas rutas teñan continuidade local, como unha maneira de ir asentando no territorio galego arterias vivas para camiñar con tranquilidade e arte.

Pode que che interese...