Nobre do século XIV / Rogier van der Weyden

Queres coñecer a terra de María Castaña, a nobre que loitou contra os abusos da Igrexa?

María Castaña, ou María Castiñeira, foi unha fidalga galega do século XIV, que liderou unha revolta popular contra o poder eclesiástico. No ano 1386 dirixiu unha revolta da cidade contra a opresión do bispo de Lugo, Pedro López de Aguiar, que obrigaba aos lucenses a facer fronte a elevados impostos. A revolta rematou co asasinato do mordomo do bispo, Francisco Fernández, a mans de María Castaña e dos seus cuñados.

Sufocada a revolta, María Castaña e os dous cuñados foron apreixados e obrigados a doar os seus bens á Igrexa, entre eles, 1.000 marabedís e as posesións en couto de Cereixa. Precisamente é nesta parroquia da Pobra do Brollón, onde naceu a mítica heroína galega. E, agora, para lembrar as súas fazañas as persoas interesadas teñen a oportunidade de participar nunha visita guiada.

As fins de semana, ás 11:00 e ás 19:00, poderase disfrutar dun pequeno paseo ata o castro de San Lourenzo. O paseo parte da Parrillada O Fogón en Cereixa e mentres se camiña haberá explicacións da historia viva da parroquia e da historia de María Castaña. A visita acabará no castro onde se concluirán as explicacións. A duración aproximada deste paseo – ida e volta – é de unha hora e media e un total de 2,5 km.

Proxecto arqueolóxico

A campaña de visitas guiadas inclúese dentro das actividades de dinamización do Castro de San Lourenzo, situado na parroquia de Cereixa e consiste en dúas visitas diarias desde o sábado 1 de xullo ata o 15 de agosto.

As visitas son gratuítas e realizaranse mentres teñen lugar os traballos arqueolóxicos, polo que “os visitantes poderán ver o proceso en tempo real,” comenta Xurxo Ayán, director do proxecto. Grazas a estes traballos xa se exhumaron restos dun edificio romano así como pezas cerámicas, moedas e outros utensilios.

Vista aérea do Castro de San Lourenzo, en Cereixa, Pobra do Brollón

De luns a venres, os visitantes poderán achegarse ás 11:00 ou ás 19:00 directamente ao castro onde realizarán un percorrido guiado de aproximadamente 45 minutos polo xacemento. Para chegar ao castro, pódese buscar en Google Maps (Castro de San Lourenzo) ou ben chegar á parroquia de Cereixa e na LU-652 coller o desvío sinalizado en fronte da igrexa.

As explicacións incluirán a historia detectada ata o momento no xacemento, da época romana e altomedieval, así como as relacións actuais entre a parroquia e o castro. Ademais, aproveitaranse as vistas panorámicas do lugar para falar da paisaxe circundante.

O Castro de San Lourenzo e o proxecto

O Castro de San Lourenzo é un castro mineiro romano clave para entender a estratexia de minería de ouro na zona e as vías de comunicación que conectaban a Terra de Lemos con outros lugares do Imperio. Ademais, a rentes do castro pasa o actual Camiño de Inverno a Santiago, reaproveitando esas ancestrais vías de comunicación. O castro foi reocupado en época medieval e moderna para usos diversos e nunca perdeu o seu peso e importancia para os veciños.

O proxecto de San Lourenzo comezou en 2016 promovido pola Asociación de Veciños María Castaña, de Cereixa. Trátase dun proxecto de arqueoloxía en comunidade que ten como obxectivo a escavación do Castro de San Lourenzo e a dinamización da parroquia de Cereixa e a súa contorna. Máis información na web do Castro de San Lourenzo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: