Illa de San Simón, na Ría de Vigo / amigoscc.es

San Simón, a illa dos 6.000 presos republicanos á que lle queren cambiar o nome

A illa de San Simón é todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se acostuma pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos do Lazareto amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo.

Este espazo foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel estiveron máis de 6.000 persoas confinadas nunhas condicións extremadamente duras de fame, frío, enfermidade, tortura e un terror que tiña como expresión máxima as sacas nocturnas.

A principos da Guerra Civil os presos viñan na súa maioría provenientes das zonas próximas coma Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía de Arousa, aínda que tamén eran frecuentes os presos de Asturias, León ou do País Vasco. A illa foi cualificada polos franquistas como colonia penitenciaria, aínda que a realidade era a dun campo de exterminio onde os presos políticos comunistas, republicanos ou socialistas eran asasinados. Mantívose en funcionamento ata o ano 1943

Acto na Illa de San Simón en lembranza dos republicanos presos no seu campo de concentración / Iniciativa Galega pola Memoria

A antiga leprosería quedou relegada a albergar aos militares que vixiaban a illa, así coma o persoal complementario (administrativos, intendencia ou enfermería). Construíronse ademais torres de vixilancia, melloráronse os muros e os accesos. Presos que estiveron alí aseguran que as condicións ás que estaban sometidos eran inhumanas e crueis, as condicións sanitarias eran deficientes e o amoreamento era considerable.

Estaban distribuídos en diferentes pavillóns ao longo da illa, e a miúdo producíanse fusilamentos masivos. Crese que centos de persoas morreron a causa dos seus ideais, a mans dos falanxistas. A illa era considerada un dos centros penitenciarios franquistas máis temibles. De feito, a illa de San Simón foi escenario do final do filme O lapis do carpinteiro, onde trasladaban a Da Barca, un preso político, á Illa, un dos cárceres dos que se dicía que era case imposible saír vivo.

Cambio de nome

A pesar disto, o actual goberno galego desmantelou a política de memoria que se iniciara no ano 2006 neste lugar simbólico coa súa declaración como Illa da Memoria por parte do bipartito que ademais puxo en marcha, da man dos colectivos, numerosas actividades de homenaxe e difusión relacionadas coa recuperación da memoria histórica das vítimas do franquismo.

Segundo Iniciativa Galega pola Memoria, todas estas iniciativas foron eliminadas a partir do 2009, baleirando o actual goberno a illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista, chegando incluso a cambiar a denominación de illa da Memoria por illa do Pensamento. A partir dese momento foi esta entidade a que tomou as rendas da organización dunha Homenaxe Nacional, á que sempre se outorga un dobre carácter de recoñecemento e tamén de reivindicación.

Placa na illa de San Simón en homenaxe aos republicanos detidos na súa prisión / xunta.gal

Homenaxe

Unha homenaxe que realizará, novamente, este 16 de xullo, para reivindicar unha vez máis a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego, baseada no respecto aos dereitos humanos e particularmente ao dereito á verdade, á xustiza e á reparación, o que obrigatoriamente debe ir aparellado coa derrogación da lei de Amnistía de 1977 e a anulación dos xuízos e condenas ditadas por tribunais franquistas. Tamén, que se recupere a denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria, converténdoa de novo en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, a resistencia e a solidariedade, no que se desenvolva un programa anual de actividades centradas nesta temática.

Preto de catrocentas persoas xa contactaron cos colectivos agrupados na Iniciativa para reservar praza nos barcos que, desde ás nove e media da mañá, partirán do porto de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa, para cubrir o traxecto ata a illa

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: