fbpx
Castro de Santo Estevo de Rececende, no concello de A Pontenova, afectado por unha talla de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Un castro na Pontenova que estivo rodeado por carballos, afectado agora por unha talla de eucaliptos

Tempo de lectura: 2 min.

Novamente unha talla de eucaliptos volve afectar un monumento arqueolóxico e, outra vez, na Mariña. ADEGA e Mariña Patrimonio xa presentaron a pertinente denuncia perante o Servizo de Patrimonio polos posibles danos ocasionados por labores forestais no castro de O Patelo (protexido baixo as coordenadas GA27048002), ubicado en Santo Estevo de Rececende, concello de A Pontenova (Lugo).

Ambas asociacións cren que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e mailas remocións de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron afectar este ben patrimonial.

A talla fíxose a pesar de que este sitio arqueolóxico está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio e figura nas normas subsidiarias do concello de A Pontenova, o que o converte nun ben patrimonial protexido.

Castro de Santo Estevo de Rececende, na Pontenova, afectado por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Bosque autóctono

O castro de O Patelo estaba cuberto por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal, por unha plantación de eucaliptos.

“Por outro lado, ADEGA e Mariña Patrimonio sabemos que o Servizo de Patrimonio facilitoulle a Medio Rural información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona norte da provincia de Lugo, mais trece dos vinte e tres xacementos que a Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as coordenadas, polo tanto non están localizados pola administración o que conleva a súa desprotección”, critica.

Por iso, indican que esta ausencia de coordenadas é “unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade” por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que, insisten, “cómpre atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto”.

Pode que che interese...