Violíns e outros obxectos donados á USC pola familia do músico Andrés Gaos / USC

Violíns do século XVIII, partituras e outros efectos musicais históricos donados á USC

O fondo documental do recoñecido compositor e violinista Andrés Gaos (A Coruña, 1874–Mar de Prata, 1959), xunto con dous dos seus violíns, acaba de ser doado pola familia á Universidade de Santiago para o seu estudo e divulgación. “Un agasallo de incalculable valor”, dixo o reitor na presentación do fondo, “que nos esforzaremos en conservar e difundir para resarcir a débeda que este país ten co mestre que levou o nome da nosa terra ao máis alto”.

Depositado na Biblioteca América para o seu estudo e divulgación, está composto por partituras, cartas, recortes de prensa, programas de man, documentación sobre a súa actividade laboral, fotografías, un fondo discográfico así como os últimos dous violíns que conservaba a familia de Andrés Gaos, considerado como o maior representante da escola española de violín.

O fondo

No fondo atópanse todas as partituras das composicións de Gaos, moitas delas manuscritos e algunha aínda sen estrear, e a correspondencia, con cartas tanto recibidas como escritas de figuras tan notables como Pau Casals, Tomás Bretón, Jesús de Monasterio, Jacques Thibaud, o luthier Emanuel Moor ou os compositores arxentinos Manuel Almirall e Alberto Williams.

Existen tamén documentos varios, como os da asociación wagneriana de Bos Aires ou os discursos pronunciados por Gaos –como o do 20 de decembro de 1937 na Exposición Universal de París- o seu pasaporte, o carné de conducir e certos utensilios de violín. Documentos, todos eles, conservados grazas á inxente labor de recompilación do seu fillo Andrés, interesado en realizar unha biografía sobre o seu pai.

O compositor galego Andrés Gaos en 1925

Os violíns

Coa doazón do fondo documental, chegan á USC dous violíns, que cos outros dous actualmente depositados no Concello da Coruña (un Gavatelli e o de E. Moor), suman os catro que posuíu e utilizou Gaos en vida. Na USC quedan depositados un asinado ‘Federico Loechner, Buenos Aires 1928’ e outro moi deteriorado, de orixe alemá (círculo de Mittenwald) e datado a finais do século XVIII. Este valioso violín foi obxecto de especulación durante moito tempo como un exemplar cremonés supostamente saído do obradoiro de Amati.

A pesares do seu talento e de todos os recoñecementos que recibiu, Andrés Gaos pasou a ser un grande descoñecido na súa terra a mediados do século XX ata que hai unhas décadas o director da banda coruñesa, Rodrigo Santiago, recuperou e interpretou gran parte da súa obra, e o investigador e músico Ramiro Cartelle fundou a Asociación Musical Andrés Gaos e foi artífice da doazón á cidade da Coruña de parte do arquivo do compositor así como de dous violíns. Tamén xogou un papel destacado Joám Trillo, que rescatou e editou parte da súa obra, algunha interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez.

Precisamente, Trillo ten un papel fundamental na doazón á UISC xunto con Montserrat Capelán, do equipo integrado no Plan Nacional de Investigación do MINECO ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1951) que dirixen os profesores da USC Carlos Villanueva e Javier Garbayo, que fixeron un gran traballo xunto co fillo do compositor, Andrés Gaos Guillochón, e as xestións da Biblioteca América .

O equipo responsable do estudo do fondo doado ten previsto, no prazo de dous anos, publicar unha monografía do compositor así como algunha das súas obras inéditas, difundir en concerto parte do seu repertorio en paralelo á restauración dos violíns. Xa en 2019, cando se cumpren 60 anos do falecemento de Gaos, terá lugar un seminario internacional acompañado dunha exposición.

Andrés Gaos

Considerado pola prensa como un neno prodixio, aos 12 anos Gaos consegue unha bolsa da Deputación da Coruña para estudar no Conservatorio de Madrid co violinista Jesús de Monasterio. Posteriormente marcha a París e Bruxelas, onde tamén estudará composición e será alumno de Eugène Ysaÿe, coñecido como ‘o rei do violín’.

Con só 20 anos fará a súa primeira xira por América, para terminar instalándose finalmente en Arxentina en 1895, país no que desenvolverá unha importante actividade educativa (creou o seu propio conservatorio en 1904), interpretativa (como solista e co seu cuarteto), como director de orquestra (foi, por exemplo, director da orquestra que representou Arxentina na exposición de París de 1937) e compositiva.

A súa obra compositiva é ampla. Con máis de 70 títulos inclúe repertorio escénico, orquestral, pianístico, para violín, para violoncello e para voz e piano. Ademais do repertorio arxentino, como o seu Tango ou a súa Danza argentina, compuxo un importante repertorio de temática galega como a súa Muiñeira, Aires gallegos, Rosa de abril (baseada nun poema de Rosalía de Castro) e a súa famosa Sinfonía nº 2, coñecida tamén como Suite Galaica ou En las Montañas de Galicia e coa que gañou o premio da Hermandad Gallega de Buenos Aires en 1953, o que lle valeu ser considerado un dos máximos representantes da música galega.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: