fbpx
Cova con pinturas rupestres en Baleira / Mariña Patrimonio

Aparecen novas pinturas en Baleira, que podería converterse na segunda gran cova rupestre de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Novas inspeccións na cova de Baleira acaban de sacar á luz a existencia doutras pinturas rupestres que non foran detectadas nas primeiras visitas ao lugar. Segundo confirmaron a Historia de Galicia fontes consultadas, na actualidade son xa 14 trazos pictóricos os achados. Unhas pinturas que, en todo caso, é probable que aumenten con novas inspeccións e que farían de Baleira, a segunda gran cova con pinturas rupestres de Galicia, logo de Cova Eirós.

Así, nun primeiro momento foron 13 as pinturas rexistradas polos membros de Mariña Patrimonio que se desplazaron ao lugar tras ser avisados polo descubridor das manifestacións artísticas, David Outeiro. Non obstante, unha nova visita á cova axudou a descubrir un novo trazo pictórico.

Pintura aparecida nunha cova en Baleira / Mariña Patrimonio

Foi hai uns días, cando expertos acompañaron a técnicos da Consellería de Cultura para avaliar a importancia das pinturas e, segundo as fontes consultadas, confirmouse que se trataría de manifestacións artísticas prehistóricas. Entre estes expertos estaría Fernando Carrera, profesor e exdirector da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Carrera é un dos grandes expertos de pinturas prehistóricas en Galicia e ten traballado e estudado as pinturas máis antigas do país, as de cova Eirós. Ademais, tamén ten investigado as manifestacións artísticas que teñen aparecido en varias mámoas e dólmenes.

Poderían ser calcolíticas

Pinturas rupestres de Val de Junco, en Portugal, semellantes ás aparecidas nunha cova en Baleira / Xabier Moure

Segundo as fontes consultadas, as pinturas poderían ser da época calcolítica e, polo tanto, posteriores ás de Cova Eirós. De feito, as manifestacións artísticas atopadas en Baleira aseméllanse a outras pinturas rupestres atopadas na cova de Vale de Junco, tamén coñecida como Lapa de Galvoes, en Esperança, municipio de Arronches, en Portugal. Trátase dun abrigo rochoso que presenta dez paneis con pinturas en tons negro, ocre e laranxa, identificándose figuras esquemáticas humanas, animais, astrais e xeométricas. Os investigadores din algunhas destas manifestacións serían calcolíticas.

Tras a inspección oficial da cova por parte de Cultura, a Xunta de Galicia iniciou xa os trámites para pechala. Técnicos da Administración galega contactaron en días pasados con veciños da zona, que son copropietarios do monte comunal no que se sitúa esa gruta, para solicitar a súa autorización para proceder, de inmediato, a selala e impedir o acceso dos viandantes. Aquí podes ver unha galería de imaxes da Cova de Baleira.

Pode que che interese...